- AGACA co apoio de Obra Social “la Caixa” crea esta Comisión en 2017 co fin de promover o emprego xuvenil en zonas rurais de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2018.– Acompañados polo presidente de AGACA, José Montes Pérez, e dous técnicos da entidade, oito mozas e mozas galegos, integrantes da Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora, desprazáronse ata terras asturianas e de Castela León para coñecer as innovacións e melloras que se están a producir na agroindustria destas zonas.
O primeiro día, o luns 16 de xullo, visitaron en terras zamoranas, Cobadu, unha das maiores cooperativas de España, con máis de 10.000 socios e 308 mil millóns de euros de facturación. Esta cooperativa naceu en 1982 polo interese dun grupo de gandeiros en construír unha fábrica de pensos para porcino.
Hoxe en día, con 43 hectáreas (comezaron con catro hectáreas) de extensión, ademais de fabricar pensos para practicamente todas as variedades de animais que poden criarse nunha granxa, fabrican adubos, venden gas oíl, ofrecen asesoramento, material agrícola, sementes, fitosanitarios, teñen taller, telefonía, tendas, seguros etc. No ámbito leiteiro xestiona 50 millóns de litros dos que 32 millóns son de ovella e 17 de vaca.
Unha visita que non os deixou indiferentes xa que ofrece unha amplísima variedade de servizos de xeito que procuran que as persoas socias podan ver satisfeitas a maior parte das súas necesidades a través da cooperativa.
O segundo día, por terras vallisoletanas, coñeceron as instalacións do Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela León, ITACyL e de seguido, a Residencia Centro de Día Fundación COCOPE, unha entidade en ánimo de lucro vinculada á cooperativa agraria COCOPE que xestiona esta residencia creada para as persoas da terceira idade do contorno rural.
A mesma cooperativa conta, en Peñafiel, cunha adega de viño: Pinna Fidelis, nacida en 2001, de marcada tradición familiar, herdada de pais a fillos.
O último día, en Asturias, tiveron ocasión de coñecer as instalacións de Central Leiteira Asturiana, en Grandas (Siero) desprazándose despois ata Navia onde visitaron Biogastur, planta que, a través dun convenio, trata os restos da central leiteira e das persoas gandeiras asociadas.
Impresións
A modo de conclusión destas visitas, os mozos e mozas galegos recoñecen o alto interese desta intensa viaxe que lles puxo en contacto con iniciativas empresariais cooperativas de tipo social non tan habituais entre o sector agrogandeiro galego, como é o caso da Residencia.
Unha iniciativa que cualificaron de “humana e responsable” e sobre a que incluso, formularon posibilidades de traer a Galicia.
A gran dimensión das cooperativas que visitaron conseguiron impresionar e xerar curiosidade por coñecer máis a fondo cada unha das seccións das empresas.
En definitiva, unha viaxe intensa de tres días que remataba onte e se fixo curta para tanto que queda por aprender.
Comisión
A Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora creouse dentro do programa “Incorpórate”, acción enmarcada nas actividades de tipo social que está a desenvolver AGACA dende hai varios anos coa colaboración de Obra Social “la Caixa”.
Despois de organizar, en 2017, a 1ª Xornada dirixida á xuventude agrogandeira galega que contou cun gran éxito de asistencia, acordouse constituír esta Comisión, integrada por un grupo de mozas e mozos que se reúnen periodicamente para escoitar e atender as necesidades da mocidade que traballa no sector agroalimentario do medio rural e que despois trasladan directamente á Administración.
Seminarios e Xornadas formativas relacionadas coas axudas públicas, sistema impositivo, tributación e asesoramento, son outras actividades que a Asociación está a achegar a xuventude na liña desta iniciativa.
As viaxes, como a que remataba onte son parte da actividade formativa que a Asociación está a desenvolver co fin de incentivar ás persoas novas a traballar no rural con motivación e dun xeito profesionalizado, aberto sempre a incorporar novidades.