- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) realizou esta mañá o taller “Almorzos Cooperativos” co alumnado do CEIP Otero Pedrayo (Vigo).
- A actividade enmárcase na Rede Eusumo.
Estudantes de terceiro e cuarto de primaria do colexio vigués Otero Pedrayo participaron esta mañá nun dos obradoiros do ciclo “Almorzos Cooperativos”, que promove a alimentación sa e dá visibilidade ao rol das cooperativas na produción alimentaria. Máis de 400 escolares de toda Galicia participaron no ciclo este ano.
Durante a actividade María Fernández, nutricionista, recalcou que a clave dun almorzo san é atopar alimentos saudables que gusten e senten ben. Para iso, animou ao alumnado a probar novos sabores e a cociñar receitas sinxelas coma torradas, que admiten combinacións equilibradas coma ravo con queixo ou aguacate con ovo. Tamén recomendou limitar o consumo de alimentos procesados e de zumes –mesmo os naturais– en favor de froitas de tempada ou batidos caseiros con lácteos, xa que ao aproveitar a parte sólida da froita achegan máis nutrientes e sacian mellor. Como exemplo realizouse unha degustación de leite, mandarinas e pan con aceite.
O concepto de cooperativismo explicouse mediante xogos deseñados para promover a colaboración entre participantes, así como a través dun cómic que recibiu cada participante.
Microrrelatos
Por outra parte, AGACA e Rede Eusumo promoven concurso de microrrelatos dirixido a escolares de segundo ciclo de primaria. O seu obxectivo é fomentar a escritura e o interese polo cooperativismo e pola produción de alimentos, a agricultura e o medio rural. Os centros educativos públicos de Galicia interesados en participar poden consultar as bases aquí ou chamando ao 981 584 783.
Rede Eusumo
Estas actividades se enmárcanse no programa de actuación 2019-2020 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.