Abre a inscrición ao Programa de Apoio á función xerencial en cooperativas agroalimentarias con prácticas remuneradas
- O programa gratuíto Apoio á función xerencial en cooperativas agroalimentarias oriéntase a mellorar la capacitación das persoas con formación académica en situación de desemprego e a profesionalizar a xerencia das cooperativas.
- Non ten custo para as cooperativas receptoras e o alumnado en prácticas recibirá unha axuda mensual de 775 euros (cantidade á que se descontarán as correspondentes deducións por impostos).
- As persoas e cooperativas interesadas en participar poden informarse na documentación indicada abaixo. O proceso de selección de persoas e cooperativas será entre xaneiro e febreiro de 2022.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) lanza unha nova edición do programa formativo de Apoio á función xerencial en cooperativas agroalimentarias, que ten dous focos de interese. Por un lado, diríxese a persoas con titulacións de grao medio ou superior que se atopen en situación de desemprego e busquen mellorar a súa capacitación para ocupar postos de xerencia empresarial e, por outro, a cooperativas que, ou ben non contan coa figura de xerente ou ben buscan apoio á súa función xerencial. O obxectivo final do programa é mellorar a empregabilidade das persoas participantes.
A formación para o alumnado comeza cun curso teórico (20 horas, a través de Zoom; é posible ver o programa en PDF) e continúa con prácticas presenciais nunha cooperativa agroalimentaria durante 6 meses (a razón de 25 horas semanais), onde experimentará in situ o labor xerencial dunha cooperativa no seu conxunto.
Para fortalecer a creación de equipos de traballo nas entidades e conseguir maior eficiencia nas prácticas, AGACA desenvolverá un proceso de coaching tanto para as cooperativas como para o alumnado.
O proceso de selección tanto de alumnado como de cooperativas receptoras producirase entre xaneiro e febreiro de 2022.
As personas interesadas en tomar parte no programa formativo e as cooperativas interesadas en recibir alumnado en prácticas poden informarse no teléfono 981 58 47 83, no correo electrónico berta.agaca@gmail.com ou nas seguintes ligazóns de documentación necesaria:
— As Cooperativas que desexen recibir alumnado en prácticas deben consultar as bases completas da Convocatoria, xunto co formulario de solicitude nesta ligazón (formato PDF). |
— As persoas que desexen participar no programa deben ler as bases completas e a convocatoria nesta ligazón (formato PDF).
— Completar o formulario de inscrición que se atopa no documento. |
A iniciativa forma parte do proxecto Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), e que inclúe outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector vacún de leite e outro á incorporación ao sector de horta. Conta con cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial das mesma.
Podes ser o primeiro en comentar esta entrada
Escriba un comentario