- O 15 de outubro terá lugar a Xornada “Fertilización equilibrada no agro galego”.
- A inscrición é gratuíta. Para inscribirse é necesario completar este formulario.
A fertilización é un dos factores que máis inflúen na produtividade, na rendibilidade e na pegada ambiental das explotacións agrogandeiras galegas. Un manexo axustado dos nutrientes mellora a saúde do chan, reduce custos e contribúe a protexer a calidade das augas e a reducir as emisións; un manexo inadecuado, en cambio, compromete a competitividade e a sustentabilidade das explotacións.
Ao mesmo tempo, o Real decreto 1051/2022 configura un novo marco de obrigas —plan de fertilización, caderno dixital de explotación e asesoramento en fertilización— con prazos de aplicación que comezan en 2026. As cooperativas, pola súa proximidade ás persoas socias e a súa capacidade para ofrecer servizos técnicos compartidos, teñen un papel clave nesta transición. Esta xornada estratéxica reúne visións técnicas, científicas, normativas e cooperativas para achegar criterios prácticos e facilitar unha adaptación anticipada, eficiente e rendible.
Así, a xornada ten como obxectivos actualizar os coñecementos sobre a saúde do solo, a materia orgánica e a microbioloxía como base da produtividade sostible das explotacións agrogandeiras galegas, así como dar a coñecer criterios técnicos para unha fertilización equilibrada e eficiente e promover estratexias sostibles e de economía circular no aproveitamento de subprodutos e fertilizantes orgánicos, ademais de achegar ferramentas e tecnoloxías de agricultura de precisión para optimizar o uso de nutrientes e auga. Doutra banda, busca informar sobre o marco normativo vixente en materia de fertilización, o caderno de explotación e a obrigatoriedade da figura do asesor de fertilización.
Programa
09:30 Presentación
Carlos Ares. Director-xerente AGACA
09:45 Saúde do solo e produtividade sostible: fertilidade do solo, materia orgánica e microbioloxía, problemáticas e desequilibrios nutricionais en Galicia
Alexia Stellfeldt. Project manager Ideagro
10:30 Estratexias sostibles e economía circular: fertilización orgánica e aproveitamento de subprodutos, uso eficiente de fertilizantes e sustentabilidade ambiental
Laura Lozano. Product Manager Defeder France
11:15 Innovación e tecnoloxías aplicadas á fertilización: agricultura de precisión, ferramentas dixitais e tecnoloxías para optimizar o uso de nutrientes e augas
Javier Bueno. Universidade de Santiago de Compostela
11:55 Descanso
12:15 Lexislación, caderno de campo e obrigatoriedade de asesor. Da obriga á oportunidade: preparar a cooperativa para o Real decreto 1051/2022
Demetrio Bedriñana. AGACA
12:55 Fertilización equilibrada e eficiencia nutricional: macronutrientes e micronutrientes, interpretación da análise de solo, optimización e eficiencia no uso de nutrientes
Esperanza Álvarez. Universidade de Santiago de Compostela
13:40 Mesa de diálogo: retos e oportunidades da fertilización sostible nas cooperativas agroalimentarias
José Ramón Loza. Responsable Sección Maquinaria cooperativa CLUN
Eloy Novelle. Responsable Sección Maquinaria cooperativa AIRA
Alberto Hermida. Responsable Técnico cooperativa O RODO
Modera: Javier Caneda. Coopertiva DELAGRO
14:00 Rolda de preguntas e comentarios
14:20 Clausura da xornada
A xornada, de acceso libre previa inscrición (neste formulario), é de especial interese para equipos directivos das cooperativas agroalimentarias e da economía social (consellos reitores, dirección, xerencia, persoal técnico), así como para persoas socias, produtoras e persoal técnico agronómico vinculado á xestión da fertilización nas explotacións.
Para máis información pode chamar ao 981 58 47 83.
Esta actividade enmárcase no programa da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

