Redes de Intercooperacion – Programa iCoopera
- Representantes de cooperativas agroalimentarias galegas de horta, leite, insumos agrarios; de cooperativas de transporte, representadas por UCOGATRA (Unión de Cooperativas Galegas de Transporte) e da USC: Universidade de Santiago de Compostela- Escola Politécnica Superior de Lugo- e da UDC: Universidade da Coruña- Facultade de Informática- participaron esta mañá en Santiago de Compostela nunha Xornada de mellora da loxística no transporte, que alberga o Programa iCoopera.
O obxectivo deste programa é fomentar a I+D+i e a inmersión nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
Nesta ocasión traballouse a parte denominada Dinamización das Redes de Intercooperación, que consiste en que un grupo de cooperativas traballen conxuntamente para obter uns determinados resultados económicos. Hoxe tratouse a mellora na loxística alimentaria, cuestión moi solicitada por todas as cooperativas adheridas ao programa iCoopera.
Xornada
Tras comezar presentando o proxecto e, especificamente, o concepto de Rede de Intercooperación e os obxectivos que persegue, os profesores universitarios Carlos Amiama e Luisa Carpente; o investigador José Ramón Lozada e o informático Xoan Carlos López expuxeron os estudos e proxectos realizados ata o momento sobre o aforro de custos en loxística, no que tamén participara algunha cooperativa agroalimentaria.
A complexidade da loxística fai indispensable coñecer a fondo todos os conceptos que integran o sistema de distribución e/ou recollida, para alcanzar a solución que permita optimizar os custos das rutas realizadas, a diario, polas cooperativas.
Conclusións
• As TIC son fundamentais no proceso de maximización dos sistemas e rutas loxísticas.
• Existen aplicacións xeneralistas á disposición do público en xeral (exemplo, Google Maps) que poden non ser as máis eficientes para mellorar a eficiencia das rutas loxísticas, polo que se fai necesario investir en aplicacións (apps) específicas.
• Os motivos que fan necesarias estas apps específicas son, por un lado, as localizacións das explotacións agrarias (os seus accesos, ás veces, son simplemente pistas sen asfaltar, non hai indicacións cartográficas etc.) e, por outro, as características dos propios camións (dimensións: vehículos articulados, altura, anchura, peso etc.).
• Foros deste tipo son necesarios para establecer relacións de intercooperación entre cooperativas de diversos sectores e ámbitos (coma, neste caso, agroalimentarias e de transporte), así como con institucións que poden achegar coñecemento investigador, tales coma as Universidades e os Centros Tecnolóxicos.
iCoopera é unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Este novo servizo está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo FSE Galicia que ten como finalidade potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico a innovación e o uso das tecnoloxías da información e das comunicacións nas cooperativas.