Ismael Díaz, gandeiro de 21 anos de Zas (A Coruña), confesa que, de neno, “escapaba” ás casas dos veciños que tiñan animais mentres non os houbo na súa casa. A súa nai conta que a pesar de que lles gustaba a agricultura de sempre, ambos proxenitores traballaban como albanel e costureira.
Hoxe dedícanse ao vacún de carne e están iniciándose na horticultura.
Se algo destaca nesta familia, asentada no lugar de Romelle, é o orgullo e o apoio que se manifestan entre todos. Ismael ten clarísimo que o campo é a súa vida, aínda que antes de terse formado nun Grao Medio de Produción Agropecuaria, estudou electromecánica, aconsellado pola súa nai, que non vía un futuro claro no rural. Hoxe, xa non ten dúbidas e está encantada de que seu fillo se dedique á agrogandería.
As dificultades familiares fortaleceron un sentimento de superación continuo. Actualmente, con 36 cabezas de gando, están ampliando unha nave para incrementar pronto a cabana, introducindo a variable de buscar unha mellora xenética dos animais. Ademais, están felices de terse iniciado hai dous anos na actividade hortícola, cultivando nabiza (rabiza como se denomina na súa zona), cebola e porro e insisten no agradecidos que se senten con “Viveros Casa Valiña” a quen subministran a produción e quen lles ofreceu asesoramento, seguimento e apoio dende o principio.
Finalizados os estudos, Ismael forma xunto coa súa nai, a Sociedade Civil “As Abruiñeiras” na que agora se está integrando tamén, a súa moza, Laura Quintáns, algo curioso xa que ela non tiña experiencia previa coa gandería ata comezar a súa relación con Ismael. Síntese tan feliz, explica, que pensa compaxinar a súa profesión sanitaria que tamén lle apaixona (estudou auxiliar de enfermería e agora, Laboratorio), co seu desempeño na explotación.
“Téñense burlado de min por dicir que quería estudar un ciclo relacionado con este sector”. Laura Quintáns
Coñecendo a felicidade, lamentan o pouco valor que se da á profesión agrogandeira: “Téñense burlado de min por dicir que quería estudar un ciclo relacionado con este sector”, di Laura. “Eu síntome moi orgulloso do que traballaron os meus pais, e quero continuar e mellorar”, afirma Ismael. Recoñecen que a profesión está degradada socialmente e que hai, en xeral, falta de confianza na mocidade que, coma eles, ansía traballar no que tanto lles gusta e formar unha familia arredor: “Os novos tamén valemos e formamos equipo para traballar e non ter que irnos do rural”.
Na granxa saben que o ideal sería “eliminar provedores” pero recoñecen que a venda directa precisa un investimento moi alto: matadoiro, cámaras frigoríficas… e, ademais, cun futuro incerto. Como socios da cooperativa “Xallas”, recoñecen que son minoría os que se dedican á carne e que os servizos están máis centrados no leite, aínda que lles encantaría lograr unha vinculación maior.
Máis viable parece a horta, na que comezaron o ano pasado como “un suplemento económico” e está a dar bo resultado, “a mágoa é non poder conseguir superficie territorial na zona tendo que desprazarse ata 10 km para atopar fincas que arrendar”, indica Ismael, que aspira a medrar na súa zona, incluso abrindo portas a xuntarse con outros veciños e ampliar mercado, o que sen dúbida favorecería ao contorno.
“A Administración da a sensación de que, en realidade, non quere que a mocidade quedemos no rural. Hai un discurso público que non coincide coa situación real”. Ismael Díaz
Onde perciben unha contradición na relación entre o discurso da Administración e a realidade como indica Laura que amosa o afastado das medidas auspiciadas e as complicacións burocráticas cotiáns: “A Administración, con tantas trabas e dificultades, parece que, en realidade, non quere que a mocidade quedemos no rural. Hai un discurso público que non coincide coa situación real”.
“A xente dálle unha mala imaxe do rural que non é certa”
Saben que non é un camiño doado, pensan que “a xente dálle unha mala imaxe ao rural que non é certa”, pero achegan ilusión, formación, ganas e dedicación para crear o seu propio presente e futuro na súa paixón, o rural.