- AGACA organizou o sábado, 6 de maio, a Xornada sobre Creación de Emprego e Riqueza mediante o Uso Cooperativo do Monte Comunal, en Lobios, no marco da Rede Eusumo para o fomento da economía social, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
- Expertos en rendibilidade, xestión e innovación no eido forestal explicaro como identificar e potenciar os recursos destes terreos.
Lobios acolleu o sábado unha das xornadas do ciclo “Creación de Emprego e Riqueza mediante o Uso Cooperativo do Monte Comuna”, impulsado pola Rede Eusumo para fomentar a dinamización destes espazos, que en Galicia ocupan 650.000 hectáreas. Asistiron 70 comuneiros e comuneiras e outras persoas relacionadas coa xestión de montes veciñais. A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, participou na clausura.
Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, apuntou que as cooperativas son unha boa opción para que as comunidades de montes poñan en marcha iniciativas coas que xerar valor engadido aos recursos forestais. Entre elas, propuxo a prestación de traballos de silvicultura, de loita contra pragas e contra incendios, as cooperativas de servizos agrícolas como preparación de terras así como a produción de cultivos e os viveiros. Explotando mellor os montes indicou, créanse postos laborais, xérase riqueza e contribúese á fixación de poboación.
En canto a xestión forestal, Calixto Escariz, asesor de comunidades de montes, explicou as posibilidades de investimento para Comunidades de MVMC acordes á Lei de Montes. No que respecta a innovación, Manuel Eirín, director xerente da empresa Gaélica Solar, afondou en xeitos de lograr a eficiencia enerxética e na identificación de iniciativas innovadoras no medio rural.
Casos de éxito
En canto experiencias de explotación forestal rendible, Eloi Villada, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, indicou que na Baixa Limia existen 106 comunidades de montes (das cales 17 están en Lobios) e 32.156 hectáreas de monte veciñal. Segundo Villada, estas superficies están infrautilizadas por, entre outras causas, unha estruturación parcelaria pouco práctica e unha longa tradición de emigración na provincia. Porén, afirmou, dada a favorable climatoloxía, “a implantación de praderías con leguminosas biodiversas é perfectamente posible, en grandes áreas”; ademais, a gandería extensiva é compatible coa estrutura parcelaria e contribuiría a controlar e reducir problemas medioambientais coma os inciendios.
Javier Cabrera, xerente de Resega Montes, expuxo o innovador proxecto “O Dourado Verde”, que, con financiamento do FEADER, investiga a resinación de piñeiros mediante electroestimulación e aplicación de calor: obteríase resina de mellor calidade e a madeira podería ser usada posteriormente para taboleiros, pois no perdería densidade.
Finalmente, José Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, expresou as posibilidades de xestión de montes enclavados en Parques Naturais Reserva de Biosfera.