- Estudantes de secundaria de Lugo visitaron esta mañá Casa Grande de Xanceda e estudantes de primaria de Vilalba acudiron a Feiraco para aprender sobre economía social e cooperativismo en senllas xornadas impartidas pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).
- As actividades forman parte da Rede EusumoA para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.
A SAT Casa Grande de Xanceda acolleu esta mañá un obradoiro de“Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” para 45 estudantes de primeiro da ESO do instituto lucense Sanxilao.
O obxectivo da actividade, impartida por técnicos de AGACA, é difundir os valores e vantaxes desta estrutura de negocio entre os estudantes para que a teñan en consideración como fórmula de emprendemento e crecemento profesional.
O alumnado visitou ademais as instalacións de Casa Grande de Xanceda para coñecer de primeira man o seu funcionamento, dende o manexo do gando ata a propia fabricación de alimentos lácteos e ecolóxicos, nun modelo de negocio baseado na economía social como son as Sociedades Agrarias de Transformación.
Mañá, Casa Grande de Xanceda recibirá ao resto de estudantes de primeiro da ESO do Sanxilao.
Por outra banda, 39 escolares de sexto de Primaria do colexio vilalbés Insua Bermúdez viaxaron á cooperativa láctea Feiraco, en Ponte Maceira (A Coruña), para participar noutro destes obradoiros de emprendemento cooperativo da Rede Eusumo impartidos por AGACA.
Como exemplo de entidade cooperativa de éxito, visitaron a planta de envasado e transformación láctea de Feiraco, e recibiron unha charla por parte do presidente da cooperativa, José Montes, que lles explicou o seu funcionamento. Feiraco actúa desde 2012 como Centro Rede Eusumo para a dinamización do emprendemento cooperativo.
Rede Eusumo
É unha rede impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do cooperativismo e a economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio de actuación.