- Persoal técnico e membros dos consellos reitores das cooperativas asistiron o 25 de abril á Xornada técnica para estudo da aplicación política da PAC e nova normativa de fitosanitarios, en Santiago.
Das novidades da PAC encargouse José Luis Acción, xefe de sección do Servizo de axudas agrícolas do FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria da Xunta de Galicia). A actual PAC trae un plan estratéxico, polo cal se marcan os pagos directos (desacoplados), e o mundo do desenvolvemento rural, con 17 normas; en conxunto, un sistema “complexo” sobre o que a Administración continúa a recibir aclaracións logo da apertura do prazo de convocatorias, segundo Acción.
Quen pode acceder á PAC? Como caso xeral, as persoas afiliadas a Seguridade Social por conta propia cunha porcentaxe de ingresos agrarios total, igual ou superior a 25%; como excepcións, as persoas que en 2022 recibisen menos de 5.000€ da PAC.
Unha nova figura en España é o pago redistributivo: unha axuda complementaria á axuda básica á renda que se aplica sobre as primeiras hectáreas da explotación.
Respecto dos pagos a persoas mozas e novas incorporacións, contempla a figura de xefe de explotación, cunha participación cando menos igual ou algo superior á de quen máis participación ten na explotación, quen debe demostrar o nivel de responsabilidade e coñecemento mediante unha enquisa. Poden cobrarse ata 100 hectáreas, equivalentes a 100 dereitos, e recíbese a integridade do valor medio dos dereitos na rexión (se a beneficiaria é muller, sobe un 15%).
Os eco-rexímenes son requisitos, obrigas adquiridas alén dos mínimos establecidos no Pago Verde. Para eles reservouse un equivalente ao 23% do importe da axuda básica á renda. Acción admite que “non é nada fácil acceder a eles”. A Galicia aféctanlle o de rotación de cultivos, o de pastos de sega e illas de biodiversidade e o de pastoreo extensivo (cómpre declarar as parcelas e os animas que van pacer –entre 0.4 e 2 UGM – un mínimo de 90 días/ano).
Máis información sobre a PAC na web: https://formacion-fogga.xunta.gal/pluginfile.php/1801/mod_resource/content/20/PEPAC%2023-27/men%C3%BA.html
Respecto dos fitosanitarios, Patricia de Almandoz (técnica de Cooperativas Agro-alimentarias de España) debullou a proposta de Regulamento sobre o Uso Sostible de Produtos Fitosanitarias (SUR) do Parlamento e o Consello europeos. Está en proceso de confirmación, previsto que finalice en 2023.
Contempla, cara a 2030, a redución do 50% no uso e risco dos produtos químicos fitosanitarios e o uso dos fitosanitarios máis perigosos, agás en zonas sensibles onde están prohibidos (o que afecta ao 40% da SAU española). Ademais, os usuarios profesionais deben contar con asesoramento externo na materia, entre outras novidades. En decembro, 17 estados membros remitiron unha carta de oposición solicitando á Comisión Europea un estudo que complemente a evolución do impacto, para o que dan 6 meses.
En España, o Real Decreto 1050/2022, para conseguir un uso sostenible de los productos fitosanitarios, contempla o cálculo dun indicador de uso individualizado a nivel de explotación, a partir dos datos do caderno de explotación dixital, o cal entra en vigor en setembro para explotacións que a) superen 30 ha de terra de cultivo ou pasto permanente ou 10ha de cultivo permanente, b) teñan máis de 5 ha de regadío ou c) dispoñan dalgún invernadoiro, segundo o RD 1054/2022.
Pódese consultar o relatorio de Patricia de Almandoz nesta ligazón en formato PDF.