Con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais que se conmemora mañá, as 32 mulleres fundadoras de Nós, as Mulleres, Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia, están convocadas para participar esta tarde na Xornada on-line, “Mulleres directivas en cooperativas: boas prácticas de experiencias inter-rexionais: Castilla-La Mancha”. A actividade desenvólvese en consonancia co obxectivo da Asociación de loitar pola igualdade no eido cooperativo, visibilizando e avanzando no desenvolvemento persoal e profesional en igualdade nas entidades socias de AGACA.
Tomás Merino, responsable técnico de CooperActiva, Fundación para a promoción do cooperativismo agroalimentario de Castilla- la Mancha, fará un percorrido polas principais actividades desenvolvidas nestes últimos dez anos dende que se crea a Fundación —entidade referente a nivel nacional en materia de igualdade de xénero no cooperativismo— en favor de incorporar a igualdade de xénero e lograr que a muller acade unha participación máis activa nas cooperativas agroalimentarias de Castilla La-Mancha. Entre os logros máis destacados da entidade figuran a participación na redacción do Estatuto de las Mujeres Rurales de Castilla La Mancha, no Plan Estratégico del Instituto de la Mujer Castilla La Mancha, ou no X Máster de Género de la Universidad de Castilla la Mancha.
Ademais, de forma específica, dende AGACA e Nós, as Mulleres apuntaranse suxestións e propostas dirixidas a facilitar a participación das mulleres, tanto a nivel social como directivo e de consellos reitores, nas cooperativas agroalimentarias galegas.
Entre as actuacións e necesidades que Nós, as Mulleres considera urxentes acometer e nas que se está a traballar figuran a necesidade de sensibilizar ás mulleres cara a unha participación activa nas asembleas e nos órganos representativos das cooperativas, involucrar ás novas xeracións de mulleres no agro, formar e realizar un acompañamento técnico entre a mocidade, fomentar a colaboración intersectorial, reforzar a confianza e seguridade no intre de falar en público, promover grupos de socias, formar no cooperativismo, visibilizar as experiencias reais doutras mulleres profesionais, impulsar actividades mixtas para acadar o compromiso corresponsable dos homes ou acometer campañas informativas sobre o xeito de vida no rural.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2021 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta con financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social.