- Durante este mes celebrarase unha xunta directiva da Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias, Nós, As Mulleres, entidade que busca impulsar o papel das mulleres que traballan no sector agrogandeiro no medio rural.
Segundo datos da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), o 43% da man de obra agrícola mundial son mulleres. Pola súa banda, a ONU (Organización das Nacións Unidas) establece que as mulleres rurais, unha cuarta parte da poboación mundial, traballan como agricultoras, asalariadas e empresarias.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) ten como unha das súas metas a consecución da igualdade de xénero no contorno cooperativo do sector agroalimentario e un paso adiante neste senso supúxoo o nacemento, o pasado ano, de Nós, As Mulleres, a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias.
O fin de Nós, As Mulleres, que vén de finalizar o proceso de inscrición no Rexistro de Asociacións de Galicia, é o desenvolvemento integral da muller e das súas capacidades, para o que promove a participación política, económica e sociocultural das mulleres que viven e traballan no sector agroalimentario no medio rural e combate as barreiras que as obstaculizan, ademais de apoiar a igualdade de xéneros e a participación feminina nos órganos de decisión nestas entidades.
As cinco promotoras iniciais da Asociación son mulleres que ostentan, ou ostentaron, cargos nos órganos de decisión de cooperativas agroalimentarias que, en conxunto, facturan máis de 240 millóns de euros, agrupan máis de 3500 persoas socias e empregan a máis de 480 persoas.
O día 20 Nós, As Mulleres celebrará unha xunta directiva na que se agarda que unhas 30 mulleres en postos de dirección (ou futuras directivas) de 10 cooperativas entren na Asociación.
Durante o seu primeiro ano, a Asociación organizou diversos obradoiros de apoderamento, viaxes e xuntanzas. Proximamente desenvolveranse novas accións formativas como obradoiros de liderado e motivación e prevese unha audiencia coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López.
Cooperativistas galegas
En canto á porcentaxe de mulleres socias de cooperativas no sector agroalimentario, a media española é do 25%. En Galicia, datos de 2019 mostraban que, nas cooperativas asociadas a AGACA, o 45,11% das persoas socias eran mulleres, chegando ao 16,8% na composición dos órganos de decisión das entidades. A nivel nacional, en cambio, o 7% de cargos en consellos reitores son ocupados por mulleres.