- Esta mañá un grupo de alumnos do CFEA de Guísamo (Bergondo) recibiu formación sobre o funcionamento da economía social yel cooperativismo nunha visita á SAT Casa Grande de Xanceda.
- É o último taller “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” que acollerá Xanceda este curso.
- A iniciativa é parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo laboral de éxito.
Unha trintena de estudantes de Formación Profesional do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo participou esta mañá nunha charla sobre as vantaxes do cooperativismo e os modelos de negocio baseados en economía social para crear e manter con rendibilidade un posto de traballo en zonas rurais. Técnicos de AGACA impartiron a charla, que forma parte dos talleres ”Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” da Rede Eusumo. É a última que Xanceda celebrará este curso.
Ademais os estudantes visitaron as instalacións da SAT (sociedade agraria de transformación), unha das maiores explotacións ecolóxicas galegas con fábrica de produtos lácteos, como exemplo de entidade que leva décadas funcionando con éxito no marco da economía social.
Casa Grande de Xanceda acolleu por primeira vez este curso os talleres “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” de Rede Eusumo. Recibiron formación sobre economía social nas súas instalacións 353 estudantes, dende primaria ata Formación Profesional.
Rede Eusumo
A Rede Eusumo é unha rede de colaboración cofinanciada polo Fondo Social Europeo e impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social no territorio de actuación.
04/05/2017