- Onte tivo lugar en Bruxelas o V Evento Europeo de Produtos de Calidade e de Orixe, onde Janusz Wojciechowski, comisario de Agricultura da Comisión Europea, destacou a calidade dos produtos cooperativos galegos exhibidos no marco do proxecto europeo AGROSMARTglobal.
- Degustáronse produtos cooperativos de Galicia, Portugal e Nouvelle-Aquitaine (Francia).
- O proxecto busca apoiar a cooperativas e pemes no proceso de internacionalización dixital intelixente.
Co gallo da finalización das actividades do proxecto AGROSMARTglobal, no que AGACA participa con entidades de España, Francia e Portugal, Carmen Rodríguez (presidenta de AGACA) expuxo onte en Bruxelas os resultados, no marco do V Evento Europeo de Produtos de Calidade e de Orixe: “AGROSMARTglobal apoia a internacionalización das cooperativas agroalimentarias, aproveitando as oportunidades que nos ofrecen as TIC e a evolución do comercio internacional, e favorece o posicionamento dos produtos das cooperativas agroalimentarias do espazo SUDOE no mercado internacional”.
A Asociación das Rexións Europeas de produtos de Orixe (AREPO) organizou o Evento, onde se mostraron produtos dalgunhas cooperativas e pemes. Janusz Wojciechowski, comisario de Agricultura da Comisión Europea, visitou o mostrador de AGACA na exposición e manifestou a Carmen Rodríguez a boa calidade dos produtos españois, ademais de animar ás cooperativas a seguir traballando así de ben. Wojciechowski puido coñecer queixos da IXP Tetilla de Campo-Capela, viños das DO Ribeiro e Rías Baixas, de Viña Costeira e Martín Códax, Mel de Galicia de Erica Mel e doce de leite ecolóxico de Casa Baltar, ademais das características doutros produtos e cooperativas.
Por outra banda, Rodríguez mantivo unha reunión con Paulo Gouveia, asesor principal de políticas da Copa-Cogeca, entidade que representa a profesionais do sector agrogandeiro e cooperativas a nivel europeo. Gouveia explicou a creación de leis a nivel da Unión Europea e instou ás cooperativas a presentar suxestións ao inicio dos procesos lexislativos para teren capacidade de influencia. Indicou ademais que xa están traballando na PAC post 2027.
V Evento Europeo de Produtos de Calidade e de Orixe
Janusz Wojciechowski (Comisario Europeo de Agricultura e Desenvolvemento Rural) coñecendo produtos galegos
AGROSMARTglobal
AGROSMARTglobal «Espazo para a competitividade, promoción e expansión internacional intelixente das cooperativas agroalimentarias do espazo rural SUDOE» pretende paliar as desvantaxes das zonas rurais e favorecer o seu desenvolvemento e cohesión económica, apoiando ás cooperativas agroalimentarias mediante a creación e consolidación de redes e servizos de apoio á internacionalización.
Así, entre outras actividades, conta cun programa formativo para iniciarse na internacionalización, habilitou escaparates en plataformas de e-commerce (Alibaba, Putaojiuwang, RangeMe e ImportFood) e un catálogo de produtos con máis de 300 referencias e ofrece guías para a protección de Indicacións Xeográficas Protexidas e Denominacións de Orixe fronte a fraudes na Internet, todo o cal se pode atopar na web www.agrosmartglobal.eu
Os socios do proxecto, que comezou en outubro de 2019 e remata hoxe, son: AGACA, Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (beneficiaria principal e coordinadora), Cámara Oficial de Comercio, Industria y Servicios de La Rioja, Cooperativas Agroalimentarias de Castilla-La Mancha, KONFEKOOP: Confederación de Cooperativas Agroalimentarias de Euskadi, AMVOS Worldwide Digital, Association des Régions Européennes des Produits d´Origine, La Coopération Agricole Nouvelle-Aquitaine, Chambre du Commerce et d’Industrie de Limoges et de la Haute-Vienne, UTAD: Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro e CONFAGRI: Confederação Nacional das Cooperativas Agrícolas.
AGROSMARTglobal está cofinanciado polo Programa InterregSudoe 2014-2020 dentro do eixo prioritario de fomento da competitividade e a internacionalización das pemes do Suroeste europeo.