- Presentáronse oito informes sobre oportunidades de negocioe a “Axenda de Modernización do Sector Primario”. Pola tarde, a “Axenda do Sector Agroalimentario e Biotecnolóxico”.
- Comentáronse os plans nacionais de control de contaminación, enerxía e clima; os novos retos para o sector e a economía social.
- AGACA organiza esta actividadeno marco do proxecto InterregPocTep LACES.
Esta mañá tivo lugar en Compostela o “Seminario para o fomento empresarial da Economía Social”, cunha mesa redonda, a presentación da “Axenda de Modernización do Sector Primario” e a “Guía de Modernización de Oportunidades de Negocio no Sector Primario”. Asistiron representantes de cooperativas e entidades galegas e do Norte de Portugal, socias no proxecto.
Demetrio Bedriñana (técnico de AGACA) presentou as oito actividades estudadas nos informes de Oportunidades de Negocio: porco celta, castaña, cánabo, té verde, Golden Berry (physalis), oliva, leite ecolóxico e xestión de viñas.
A “Axenda de Modernización do Sector Primario” xorde de identificar potencialidades e estratexias de xestión no sector, en Galicia (agricultura, gandería, silvicultura e pesca supoñen un 4,8% do PIB) e en Portugal (o sector agrario supón un 4%).
Inclúense casos de entidades que apostaron por ferramentas de modernización como: Cogal (cun sistema de selección de reprodutores e inseminación artificial para uniformizar o seu produto), Martín Códax (cunha plataforma de detección de risco de pragas e unha aplicación para xestión de viñedo con drons), Aira (cun moderno parque de maquinaria) e, de Portugal, Wisecrop (unha plataforma que conecta sensores de temperatura, humidade, vento, electroconductividade do chan e transmíteos para mellorar a produción).
O seminario dedicou unha charla ao Plan Nacional de Control da Contaminación Atmosférica e ao Integrado de Enerxía e Clima. Juan Sagarna (técnico de Servizos, Calidade e Innovación de Cooperativas Agro-alimentarias de España) afondou na situación da Economía Social ante as novas condicións ambientais no sector primario: “O sector deféndese, ou o tenta, transmitindo os problemas de viabilidade económica, pero aínda así non nos imos a librar e hai un prazo dun a tres anos para que isto [plans] se concrete.” Advertiu que as cooperativas poden aliarse para acometer investimentos, tomando a creación de plantas de biogás e de compost como exemplos.
Na mesa redonda: “Novos retos para o sector primario e a economía social en Galicia e o Norte de Portugal”, Ramiro Fouz, de Africor Lugo, e José M. López, gandeiro e vicepresidente de AGACA, falaron sobre a redución do uso de antibióticos na produción de leite. Doutra banda, Manuel Iglesias, gandeiro de Galicia, narrou a experiencia da súa explotación de vacún leiteiro para o aproveitamento de xurro (separación de sólidos e líquidos). O proxecto que desenvolven tenta tratar a parte sólida para utilizar nas camas dos cubículos e ver como empregar a parte líquida despois de que pase polo humidal.
Sobre a captación de traballadores para a gandería de vacún de leite en España, Yolanda Trillo (veterinaria e experta en recursos humanos) explicou que o sector está infravalorado, con salarios baixos e xornadas de máis de 8 horas que dificultan atopar e manter traballadores cualificados, ao que se sumanas dificultades da vida no rural. Como solucións, propón que as explotacións establezan xornadas continuas, aínda que sexa de menor duración para poder contratar xente por quendas, pois “os traballadores valoran a posibilidade de gozar de maior tempo libre, aínda con menor salario”.
Finalmente, a mesa sobre agroindustria abarcou temas coma: a situación da industria cárnica e os movementos animalistas e veganos en Portugal (por Fernando Cardoso, secretario Xeral da Federación Portuguesa de Cooperativas Lácteas), os retos ineludibles da agroindustria de Galicia (por Roberto Alonso, director do CLUSAGA), a producción de leite de calidade (por José Mª Calo, presidente da Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña) ou os produtos de horta de IV gama (por Fernando Veiga, xerente de Horsal).
Guía e Axendas en: http://negocio.laceseconomiasocial.com/
LACES
O Proxecto LACES (0129_LACES_1_E), Laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
O Proxecto LACES ten como fin último contribuír ao fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para conseguir un salto cualitativo na súa capacidade para xerar e consolidar emprego, a través da execución de programas piloto para a competitividade e impulso de empresas de economía social no espazo transfronteirizo