- Unha vintena de persoas interesadas familiarizáronse con iniciativas reais de explotación dos montes como o cultivo de olivas, a comercialización do porco celta ou o aproveitamento da resina dos piñeirais, entre outras.
- A actividade terá lugar dende onte ata o día 13 de novembro.
A veciñanza de Esteiro amosouse moi interesada en descubrir novos xeitos de sacarlle rendemento aos montes veciñais dun xeito organizado e acorde coa normativa oficial. Apuntáronse 22 persoas a este obradoiro, de carácter gratuíto “Gobernanza cooperativa nas Comunidades de Montes Veciñais (CCMMVV)” que comezou onte á tarde e rematará o venres 13, na Casa da Sociedade (lugar de Creo) de Esteiro.
Durante tres horas cada día aboradaranse cinco temáticas: Iniciativas innovadoras na valorización dos montes veciñais no medio rural, Gobernanza e organización cooperativa das CCMMVV, Fizcalidade, Titularidade e defensa da integridade dos montes veciñais, Instrumentos de ordenación ou xestión forestal e, as axudas ou beneficios fiscais en vigor para os montes ordenados.
Ao longo da tarde puxéronse en común algunhas iniciativas que xa están funcionando con éxito nos montes veciñais en man común a día de hoxe como a resinación de piñeirais, o cultivo de olivas, a crianza e comercialización de porco celta, o cultivo da castaña ou en relación á eficiencia enerxética.
AGACA organiza esta actividade, que se enmarca na programación 2020 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.