O 18 de decembro de 1998 apróbase a Lei 5/1998 de cooperativas de Galicia recoñecendo o seu carácter empresarial e créase o Rexistro de Cooperativas co fin de legalizar os libros sociais e de recepcionar o depósito de contas anuais. Os libros debíanse presentar encadernados.
Dúas décadas máis tarde, o 31 de decembro de 2021 o Diario Oficial de Galicia (DO) publica unha modificación da anterior lei. Nesta nova Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas inclúense, entre outras novidades, unha nova redacción dos apartados 3 e 4 do artigo 73, polo que presentar as contas anuais e o informe de xestión asinados electronicamente pasa a ser obrigatorio
Apartado 3, do artigo 73: «O consello reitor presentará, asinados electronicamente, para o seu depósito no rexistro de cooperativas competente, dentro do prazo de dous meses, contados desde a súa aprobación pola asemblea xeral, as contas anuais e o informe de xestión, asinados por quen exerza a presidencia e a secretaría, ou administrador único, e, se procede, o informe do órgano de intervención ou, se for o caso, o informe de auditoría externa, as certifica- cións acreditativas do acordo de aprobación das contas anuais e da distribución ou imputación dos resultados, así como do número de cooperativistas».
Apartado 4, do artigo 73: «Con carácter complementario ao depósito dos documentos indicados no número anterior, poderá depositarse no rexistro de cooperativas a memoria social, asinada electronicamente, consonte os modelos aprobados polo Consello Galego de Cooperativas»
Publicado en Cooperación Galega. Tendencias. Nº 158
Que supón este cambio para as cooperativas?
Aínda que é un paso importante o dado pola Xunta, o certo é que chega con retraso con respecto a outro tipo de empresas que xa o facían no Rexistro Mercantil. Que dificultades atopan as cooperativas?
Os procedementos teñen unha complexidade engadida que é que todos os documentos teñen que ir asinados dixitalmente, mentres que no Rexistro Mercantil non se esixe a sinatura dixital dos documentos e existe a figura do presentador que simplifica bastante os procedementos.
Quen ten que asinar as contas?
Se ben as contas anuais e o informe de xestión só as teñen que asinar a Presidencia e a Secretaría, hai cooperativas que contan coa figura do interventor; nese caso, o número de persoas que deben asinar dixitalmente aumenta significativamente.
Non é infrecuente que nas cooperativas, as persoas que deben asinar estes documentos non teñan ningunha, ou moi pouca experiencia informática, polo que esta tarefa lles resulta nova e complicada.
Como se asina dixitalmente?
Asinar dixitalmente documentos non é unha tarefa complicada, pero os equipos informáticos deben estar configurados adecuadamente. Isto non sempre ocorre e pode darse o caso de que, incluso persoas que se dedican a tarefas administrativas, teñan dificultades para levar a cabo ditas tarefas.
Para asinar dixitalmente é necesario contar cun certificado electrónico ou ter activado o DNI (neste último caso cómpre un lector de tarxetas). O certificado electrónico é unha ferramenta moi potente á que soamente debería ter acceso o persoa titular.
Vantaxes
A pesar de todo, é un avance importante que permitirá reducir gastos ás cooperativas, ao non ter que encadernar os libros e ao pagar as taxas por libros, non por tomos. En definitiva, as melloras que supón esta obriga son moi superiores aos inconvenientes que se poden producir nos primeiros momentos.
Artigo elaborado coa colaboración de David Vila, responsable da área de Consultoría de AGACA