O proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún de leite mediante asesoramento para a redución de Pegada de carbono (HC) e Pegada hídrica (HH)” nace co obxectivo de coñecer as emisións de GEI e o consumo de auga de explotacións lácteas.
Para o cálculo de HC e HH emprégase unha ferramenta que vai ter en conta factores como as emisións directas dos animais, o gasto enerxético e o uso da maquinaria na explotación no proceso agronómico (cultivos de millo e herba para forraxe), a alimentación do gando, a xeración de residuos ou o transporte entre outras.
No caso da pegada hídrica tamén se teñen en conta fluxos en consumo de auga da granxa, como a alimentación do gando, augas de limpeza, etc. Ao sumar todos estes factores obtense o valor da pegada hídrica en m².
Para este estudo levouse a cabo a Análise de Ciclo de Vida (ACV) dun produto (regulado pola norma ISO 14040), neste caso, do leite de vaca. Esta metodoloxía determina, de maneira obxectiva e avalía os impactos ambientais que un produto ou servizo pode ter sobre o medio ambiente durante todas as etapas da súa vida.
Un elemento fundamental en calquera estudo de ACV é a unidade funcional (UF), unha base de cálculo á que deben referirse todas as entradas e saídas do sistema e que se utiliza como unidade de referencia sobre a que presentar os resultados ambientais. Neste estudo, a unidade funcional utilizada é “1L de leite cru almacenado no tanque de frío”.
O sistema de avaliación
Estudáronse 100 granxas de vacún de leite de tamaño variable, cunha media de 88 vacas en fase produtiva. A máis pequena ten 28 vacas con 331.820 litros de leite producido no ano de referencia e a máis grande, 440 vacas con 5.148.461 litros de produción anual. Doutra banda, algunhas das granxas tamén teñen outros animais como pitos ou porcos. Estas céntranse na produción láctea aínda que tamén producen carne unha vez que as vacas terminan a súa etapa produtiva (vacas de desvelle).
En canto ao sistema de produción, practicamente todas teñen un alto grao de automatización, con muxido automático. A alimentación das vacas baséase na compra externa de pensos ou na produción propia mediante campos de cultivo adxacentes ás explotacións gandeiras nos que, ademais da aplicación de adobos minerais, tamén se utilizan como adobo orgánico as propias dexeccións dos animais (xurro), correctamente almacenadas en fosas ou balsas.
En primeiro lugar, mediante unha análise preliminar do impacto medio do total das explotacións gandeiras para a produción de 1 litro de leite, obtivéronse uns resultados medios de 1,15 Kg de CO2 equivalente e 1,036 m3 para a pegada de carbono e hídrica, respectivamente. Á súa vez, unha vez divididas en tres subgrupos segundo tamaño de produción (menos de 600.000 l, entre 600.000 l-1.500.000 l e máis de 1.500.000 l), obtivéronse os seguintes valores de pegada de carbono e de auga: 1,201; 1,154 e 1,074 kg de CO2 equivalente, e 1,077; 1,062 e 0,917 m3, para as granxas pequenas, granxas medianas e granxas grandes, respectivamente. En vista dos resultados, obsérvase que as granxas de maior tamaño teñen pegadas inferiores, isto pódese deber a que aproveitan mellor os recursos para obter maior produción de leite.
Obsérvase que as granxas de maior tamaño teñen pegadas inferiores, isto pódese deber a que aproveitan mellor os recursos para obter maior produción de leite.
A continuación, móstrase un estudo individualizado de cada explotación. No gráfico 1 “Pegada de carbono de 100 granxas socias das cooperativas AIRA e CLUN”, que se mostra a continuación, represéntase o valor da HC de cada unha das granxas e pódese observar que a maioría delas sitúanse en valores entre 1-1,15 kg de CO2 equivalente para cada litro de leite, sendo as granxas 51, 52 e 73 as que contan con pegadas superiores ao resto, sendo a pegada de 1,708 para a granxa 51; 1,944 para a 52 e 2,054 para a 73. Con todo, as granxas 12, 13 e 40 son as que teñen a pegada de carbono máis baixa, sendo esta de 0,871 para a 12; 0,773 para a 13 e 0,879 para a 40.
No caso da HH, as granxas con valores superiores ao resto serían a 8, a 16 e a 66, con cifras de 1,837 para a 8; 3,027 para a 16, e 1,989 para a 66. Doutra banda, as explotacións 28, 36 e 91 son as que teñen a pegada hídrica máis baixa sendo esta de 0,568 para a 28; 0,390 para a 36, e 0,472 para a 91.
Os indicadores que máis contribúen na HC E HH son o manexo do chan e a fertilización mineral, a alimentación dos animais, a fermentación entérica e ao manexo das dexeccións.
Os indicadores que máis contribúen na HC E HH son o manexo do chan e a fertilización mineral, a alimentación dos animais, a fermentación entérica e ao manexo das dexeccións.
Por: María Rey Campos; Javier Martínez Caamaño; Francisco López Calvo, Departamento Calidade e Innovación Alimentaria de AGACA