- Esta mañá un grupo de alumnos do CEIP Rosalía de Castro (Lugo) recibiu formación sobre as características do cooperativismo nunha visita á SAT Casa Grande de Xanceda.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo de negocio de éxito.
Cincuenta escolares de quinto de Primaria do colexio Rosalía de Castro (Lugo) participaron esta mañá nunha charla sobre as vantaxes laborais do cooperativismo enmarcado nun Obradoiro de “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” promovido pola Rede Eusumo.
Así, durante a charla impartida por técnicos de AGACA, fíxose referencia a aspectos como as vantaxes que as cooperativas supoñen á hora de iniciar un negocio no medio rural, xa que o seu funcionamento democrático e e en grupo facilita afrontar a innovación e o risco que supón a posta en marcha dunha actividade empresarial.
A continuación, acompañados por persoal da entidade, nenos e nenas visitaron as instalacións da granxa, que se dedica á fabricación de produtos lácteos ecolóxicos. Deste xeito, o alumnado puido coñecer de primeira man o funcionamento dunha entidade que opera coa base da economía social, neste caso como Sociedade Agraria de Transformación (SAT). Os escolares aprenderon como se elaboran os queixos e iougues e as rutinas que segue unha granxa, e deron de comer aos animais da explotación.
Ademais, Xanceda recibirá os días 27 e 28 a estudantes de secundaria do instituto Sanxilao, de Lugo.
Por outra banda, a cooperativa láctea Feiraco (Ames) acollerá o día 27 a escolares de primaria do CEIP Antonio Insua Bermúdez, de Vilalba.
Rede Eusumo
É unha rede impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio de actuación.