- A sociedade agraria de transformación Casa Grande de Xanceda (Xanceda, A Coruña) recibiu esta mañá a estudantes do Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes, de Lugo.
- Os 25 estudantes participaron nunha charla informativa, impartida por técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e percorreron as instalacións da granxa ecolóxica.
- A actividade é parte da Rede Eusumo para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.
Por primiera vez a SAT Casa Grande de Xanceda acolle unha das actividades da Rede Eusumo e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) para a divulgación da economía social entre estudantes.
Técnicos de AGACA impartiron unha charla didáctica para 25 estudantes lucenses de formación profesional do CIFP As Mercedes. O obxectivo da actividade, enmarcada nun taller “Emprendemento e Cooperativas. Modelo de éxito”, é dar a coñecer este modelo de negocio a mozos e mozas, para que o teñan en consideración ao finalizar os seus estudos, como fórmula de emprendemento e crecemento profesional.
A charla tratou o funcionamento das cooperativas tradicionais e as de traballo asociado, as vantaxes da nova normativa que permite ás cooperativas xuvenís un investimento de 300€ de capital social fronte aos 3000€ habituais ou os valores colaborativos e democráticos do cooperativismo, entre outras cuestións. Como exemplo, presentáronse as experiencias de éxito de persoas que desenvolven proxectos cooperativos en sectores como horta, leite, artesanía e mesmo turismo.
Tras a charla, os estudantes visitaron as instalacións de Casa Grande de Xanceda, que se dedica á fabricación de derivados lácteos ecolóxicos, para coñecer de primeira man o seu proceso produtivo, dende o manexo do gando ata a propia fabricación de iogures, queixos e outros alimentos con base láctea.
Rede Eusumo
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O curso pasado participaron máis de 800 estudantes de 26 centros educativos nas actividades de AGACA e Rede Eusumo.