- Esta mañá presentáronse resultados dun proxecto que analiza a pegada de carbono e pegada da auga nas explotacións de vacún lácteo para atopar medidas coas que mellorar a súa competitividade e eficiencia ambiental.
- O estudo realízase co financiamento da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES) e o apio da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A xornada Sostibilidade, pegada de carbono e pegada hídrica que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela coezou coa presentación de resultados do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de vacún de leite mediante asesoramento para redución da pegada de carbono e a pegada hídrica “, financiado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES).
Mario Fernández, técnico de AGACA, indicou que o proxecto naceu en 2018 e tivo unha duración de 3 anos durante os que se estudaron 92 explotacións de diverso tamaño, dende as que teñen 13 ás que superan as 400 vacas.
Antonio Cortés, exeñeiro de ciencias ambientais do Biogrup da Universidade de Santiago, especificou a metodoloxía empregada e apuntou cifras do estudo: a pegada da auga promedio é de 120,5m cúbicos por metro cúbico de leite producido e pegada de carbono promedio é de 1660+-440Kg de CO2 equivalente por metro cúbico de leite. A produción de penso, cultivo de herba e millo e as emisións directas son os procesos máis críticos no impacto ambiental. Actualmente, 36 das granxas estudadas acadaron xa a eficiencia.
Por outra banda, Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, centrou a súa intervención en sostibilidade, Pacto Verde e gandería de leite: “O Pacto Europeo Verde é unha grande oportunidade para o sector galego de produción primaria, tanto agrario coma pesqueiro, porque estamos ben colocados para poñer en valor cos Obxetivos e metas de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas número 6 e número 13, sobre pegada hídrica e de carbono, os nosos alimentos no mercado”.
Juan Castro, investigador no CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo) apuntou o paradoxo de que, sendo o porcino o sector que máis emisións efectúa en España (44% en 2016), é tamén un dos que menor redución (9%) debe acadar en 2040 para cumprir o Programa nacional de control da contaminación atmosférica. O vacún de leite, pola súa banda, logo de ter en conta a aplicación de xurro como fertilizante, emite un 9,9%; segundo o Programa, debe reducir emisións un 45%.
Resaltou tamén o valor do valor o xurro: “É un subproduto valiosísimo para a economía circular, non un refugallo. O abono orgánico é máis beneficioso para o solo a longo prazo pois nutre o chan máis que o químico”.
Samuel Prieto, técnico da Xunta de Galicia, referiuse aos obxectivos da Estratexia de economía circular aprobada pola Xunta en decembro de 2019, que se centran en varias claves: ecodeseño, educación e sensibilización, industria, produción de alimentos, urbanismo, edificación e obras públicas, xestión do ciclo da auga e dos refugallos. Afirmou a necesidade de “facer un cambio de mentalidade: as cousas non son de usar e tirar e cómpre darles unha segunda vida”.
A xornada rematou cunha mesa redonda na que participou o público, conformado en grande parte por profesionais do sector lácteo. Higinio Mougán, director xerente de AGACA, incidiu en que malia que o cambio climático non é producido polo agro, este vai “adaptar as prácticas produtivas” e “non ser un problema, senón unha parte clave da solución”. Engadiu: “Ás cooperativas gustaríanos dar unha resposta de sector: dende a economía circular e aplicando as prácticas atenuantes de emisións de gases que pasarán a formar parte dos custos de produción a compensar. Debemos procurar un enfoque coherente que integre a diversidade de modelos produtivos de Galicia”.
Engadiu que cumprir os obxectivos ambientais requiridos pola PAC, o Pacto Verde e diversos acordos a nivel nacional supón incrementos nos custos de produción e resaltou a vontade das cooperativas de dar servizos de asesoramento para profesionais da gandería. Entre as liñas de traballo a acometer mencionou a enerxía renovable e a eficiencia enerxética, a protección dos sumidoiros forestais, a fertilización sustentable, o uso de recursos de proximidade, a protección da biodiversidade e a polinización.
Sobre os ecoesquemas da Política Agraria Común expresou a incertidume existente sobre o seu desenvolvemento e indicou a posibilidade de que existan ecoesquemas por rexión e de que algunhas acción dos ecoesquemas coincidan coas líñas de traballo mencionadas.
10/02/2020