- Medio centenar de escolares do CEIP Santa María do Castro (Cabo de Cruz) aprenderon esta mañá como almorzar adecuadamente, grazas a, grazas a “Almorz@ con Beizos Brancos”.
- Organizan a iniciativa a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e Obra Social “la Caixa”.
Esta mañá AGACA impartiu aos 46 escolares de terceiro e cuarto de primaria do colexio Santa María do Castro unha charla sobre a necesidade de almorzar diariamente para comezar o día coa achega enerxética correcta.
A nutricionista María Fernández recomendou almorzar produtos de varias clases, como lácteos, froitas de tempada mellor enteiras ca en zume, e alimentos de tipo hidrato de carbono, evitando os procesados industrialmente que conteñen exceso azucre e graxas. Como exemplo, o alumnado almorzou leite enteiro, pan con aceite e mandarinas. Para estender os consellos ao fogar, repartiuse material didáctico con valores nutricionais de varios alimentos habituais no almorzo.
Ademais, explicouse o proceso produtivo do leite mediante un xogo.
O programa “ Almorz@ con Beizos Brancos” desenvolveuse durante este curso escolar en 19 centros educativos. Participaron xa nel máis de 900 escolares.
AGACA e Obra Social “la Caixa” impulsan esta iniciativa como parte dun plan máis amplo, froito dunha colaboración iniciada en 2015, que inclúe accións orientadas ao empoderamento da muller cooperativista, impulso da incorporación de mozas á actividade profesional no medio rural e mellora da atención a persoas maiores no fogar.