- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o 9 de marzo unha xornada educativa no IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas) para dar visibilidade ao papel das mulleres que viven e traballan no medio rural.
Datos compilados por AGACA mostran que, en Galicia, malia contar as cooperativas agroalimentarias cun 49% de mulleres asociadas, nos consellos reitores participan un 15% delas, baixando ao 4% as presidentas. A nivel nacional, cifras da Asociación de Cooperativas Agro-alimentarias de España reflicten que as mulleres representan menos do 4% nos postos de gobernanza e decisión das súas cooperativas.
Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, AGACA, con colaboración de Obra Social “la Caixa”, organizará o venres unha xornada especial do programa “Atrévete Contigo Mesma” para medio centenar de estudantes de cuarto da ESO do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas).
A actividade busca poñer en valor o papel que as mulleres xogan no medio rural, tanto no eido económico como significativa forza de traballo, coma no social, contribuíndo á redución do despoboamento.
Como exemplo, Dolores Calvo, presidenta da adega cooperativa Condes de Albarei, falará ao alumnado da súa experiencia como agricultura e como muller que detenta un posto de responsabilidade nunha cooperativa do sector.
“Atrévete Contigo Mesma”, habitualmente celebrado para socias de cooperativas, busca o empoderamento e suba da autoestima das cooperativistas, para evitar que obstáculos coma a falta de tempo e a sensación de falta preparación (motivos máis repetidos polas participantes no programa) as impidan involucrarse en órganos de decisión cooperativos. Dende 2015, cando comezou a iniciativa, celebráronse 20 xornadas e máis de 550 mulleres tomaron parte.
En prol da Igualdade
Pola súa banda, AGACA impulsa e atópase implicada en diversos programas e iniciativas a nivel nacional e autonómico co obxectivo lograr unha igualdade real e efectiva na que as mulleres teñan nos órganos de decisión unha representación acorde á que supoñen na masa social das cooperativas e, á par, sexan capaces de trasladar a outras mulleres a necesidade de involucrarse.
Así mesmo, é necesario que dende as cooperativas se logre unha sensibilización e un compromiso real coa igualdade, por exemplo impulsando medidas para facilitar a conciliación das responsabilidades que homes e mulleres exercen no plano laboral e doméstico, polo que AGACA traballa en iniciativas nos eidos de automotivación, formación, estudos sociais, Congresos e Seminarios.
No Día Internacional da Muller, dende AGACA sumámonos á mensaxe da Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-alimentarias de España, considerando que forma parte dos principios cooperativos incluír a perspectiva de xénero e fomentar as igualdades neste modelo empresarial rendible, competitivo, profesionalizado e xerador de valor.
Ademáis, entre os obxectivos de AGACA atópase combater as desigualdades, a falta de oportunidades, o despoboamento dos concellos rurais, e consideramos necesario visibilizar os labores agrícolas e de xestión que levan a cabo as mulleres, sexan ou non titulares das explotacións e empresas familiares.
Igualmente, consideramos que só na medida en que a perspectiva de xénero sexa interiorizada e contemplada transversalmente se estarán a dar pasos en firme, por iso AGACA defende os intereses e dereitos dos homes e mulleres que integran o sector cooperativo agroalimentario e se suma ás principais demandas que se reivindican este Día.