AGACA celebra a XXXII Asemblea Xeral Ordinaria preocupada pola reactivación económica e as negociacións da Reforma da PAC

Agaca
Por Agaca Xullo 29, 2020 15:15

ACTIVIDADES

Setembro 2020

REVISTA AGACA

  • Cooperación Galega Nº 149 Agosto 2020

    — Editorial: Acontecementos que marcan o futuro do AGRO
    — Especial: PAC
    — Caderno Técnico: Oportunidades de negocio no rural. III.

    Ver Online Ver Todas Hemeroteca
  • As cooperativas agroalimentarias asociadas á Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) rexeitan unha Nova Normalidade sen axudas á reactivación.
  • As cooperativas non desexan volver a unha situación onde non se valoren os alimentos e a cadea alimentaria.
  • AGACA está a elaborar o Plan Estratéxico do Cooperativismo Agrario Galego que marcará as liñas de traballo para os próximos anos, fomentando a implicación das cooperativas no deseño do mesmo.
  • As cooperativas acordan dar un impulso á igualdade de oportunidades aprobando o Regulamento da Comisión de Igualdade.

As 88 entidades que integran directamente AGACA e representan a máis de 28.000 agricultores e gandeiros foron convocadas para participar na XXXII Asemblea Xeral Ordinaria, que se celebrou hoxe en Santiago para analizar a actividade desenvolta en 2019 e os proxectos para o actual ano, especial pola Crise Covid-19 que tan fortemente impactou ao sector e á sociedade.

Durante esta asemblea, con asistencia presencial e a través de videoconferencia, AGACA puxo en valor o comportamento exemplar das cooperativas durante a pandemia, moitas das cales tiveron que desdobrar quendas, extremar medidas de seguridade alimentaria e reorganizarse para aumentar a subministración de alimentos e demostrar por que o agro e a gandería son sectores esenciais para a sociedade.

Crecemento

As cooperativas agroalimentarias están a impulsar a actividade económica e a contrarrestar, con este esforzo, as consecuencias económicas e sociais provocadas pola crise da covid-19. Datos estimados amosan que en 2019 as cooperativas asociadas a AGACA facturaron máis de 1.150 millóns de euros e máis de 680 millóns as sociedades mercantís da súa propiedade, o que fai un montante global de 1.830 millóns de euros, que representa un incremento aproximado do 2% respecto ao exercicio anterior.

Estas cifras supoñen unha parte importante do sector agroalimentario de Galicia, ao que se suma o seu potencial exportador. Así mesmo, as entidades suman preto de 6.0000 empregados entre cooperativas e empresas da súa propiedade, ao que hai que engadir o emprego indirecto xerado.

As cooperativas prestan numerosos servizos ás zonas rurais de Galicia, onde fixan poboación e crean oportunidades de futuro para a mocidade, demostrando así o seu compromiso co desenvolvemento do territorio no que se asentan.

Reactivación da economía e Nova Normalidade

AGACA destacou ao longo da súa Asemblea Xeral o papel estratéxico do sector agroalimentario, que continuou e reforzou a súa actividade diaria para garantir o abastecemento de alimentos con responsabilidade e seguridade alimentaria, e valorou o forte compromiso social das cooperativas, que efectuaron doazóns de alimentos, cartos e equipos de protección individual e labores de desinfección de rúas en diferentes vilas, entre outras iniciativas

Porén, neste intre é prioritario reactivar plenamente os mercados máis afectados, como son o de vacún de carne, moi sacudido polo peche do canal Horeca, e o de carne de aves, con prezos aos gandeiros moi baixos que non garanten rendibilidades mínimas. Tamén é prioritario o apoio ás adegas cooperativas na comercialización nacional e internacional dos excelentes viños galegos para facer fronte á vendima que se aproxima, así coma un apoio especial ao sector de flores e plantas vivas, que non puido comercializar a abundante produción de primavera.

Por iso, AGACA valora o acordo orzamentario de Bruxelas do pasado 21 de xullo que dá estabilidade ao sector agrario, aínda que considera que a redución do orzamento da PAC nun 10% vai afectar á competitividade do sector. Esta redución non é o mellor sinal para un sector produtor que, tras a presentación das propostas de estratexias Da granxa á mesa sobre sustentabilidade medioambiental e para unha recuperación da Biodiversidade en 2030, debe afrontar importantes retos de cambio de modelo produtivo nun contorno de mercados competitivos.

Por tanto, as cooperativas agroalimentarias agardan o acceso aos Fondos de Reactivación Económica que poñan en marcha as diferentes administracións, e que se persiga a banalización dos alimentos na desequilibrada cadea alimentaria. É necesario que as axudas de reactivación cheguen ao sector agrario e gandeiro e que non volvan os prezos irrisorios para os produtores agrarios e gandeiros.

Impulso á Igualdade de Oportunidades

A XXXII Asemblea Xeral Ordinaria tamén debateu e aprobou a constitución e o Regulamento da Comisión de Igualdade de AGACA, adaptándose ás novas circunstancias tras a constitución da asociación Nós as Mulleres. Dende AGACA acádase o compromiso organizativo de seguir impulsando a igualdade no ámbito agrario, rural e cooperativo, tan necesario para impulsar a competitividade das empresas agroalimentarias e a substitución xeracional no medio rural. Galicia é unha das comunidades autónomas con maior número de mulleres en postos directivos das cooperativas agroalimentarias, pero é necesario seguir fomentando unha presenza equilibrada neles.

Plan Estratéxico do Cooperativismo Agroalimentario

Ao longo de 2020, AGACA está a debater coas cooperativas o deseño dun Plan Estratéxico conxunto que as guíe no presente decenio.

O Plan Estratéxico pretende extraer unha proposta de valor para os socios das cooperativas, para os clientes e consumidores, para a contorna social e o medio rural e para as administracións públicas. Para o deseño destas propostas de valor, toma como referencias os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados pola ONU e o Plan Estratéxico da PAC para España.

Retos de futuro

O sector agrario galego está comprometido co medio ambiente, cumprindo cos estándares de calidade e seguridade alimentaria que dita o modelo produtivo europeo, moito máis estritos que os esixidos a produtos importados de terceiros países. O consumidor debe ser consciente destes esforzos medioambientais e recompensar aos produtores. Se non hai viabilidade económica non poderá haber viabilidade ambiental. Por iso, AGACA demanda ás administracións a súa colaboración para lograr unha sustentabilidade económica das explotacións que permita que os produtores manteñan a súa rendibilidade para poder avanzar na sustentabilidade medioambiental.

Ademais, AGACA solicita ás administracións unha defensa firme do sector ante a imposición dos aranceis de EEUU ao sector do viño e os novos aranceis que se van a xerar co Brexit aos produtos galegos.

Finalmente, as cooperativas demandan unha aplicación esixente da PAC de xeito que reciban apoios aqueles agricultores e gandeiros que se dedican preferentemente a esta actividade.

Ademais, ao longo da asemblea abordáronse iniciativas en marcha impulsadas por AGACA ás que poden acceder ás cooperativas socias como son

  • O impulso á Economía Social.
  • A internacionalización dixital das cooperativas.
  • Os apoios á incorporación da mocidade á Economía Social.
  • A mellora da competitividade das explotacións de vacún de leite en relación á pegada de carbono.
  • O apoio formativo á incorporación da mocidade á actividade agrogandeira.

Destacouse tamén o traballo realizado para o impulso da representación e promoción das cooperativas galegas levada a cabo por AGACA ante as distintas Administracións. Ademais, AGACA apoia alianzas entre cooperativas que impulsen a transformación e valorización das producións, ou proxectos que contribúan á substitución xeracional e á presenza de mulleres nos consellos reitores.

29/07/2020

Agaca
Por Agaca Xullo 29, 2020 15:15
Escriba un comentario

Non existen comentarios

Aún no hay comentarios.

Podes ser o primeiro en comentar esta entrada

Escriba un comentario
Ver comentarios

Escriba un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicado.
Los campos obligatorios están marcados*