RESUMO ELABORADO POR
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación”(formato PDF) e a orde completa na ligazón web.
— RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023. Axencia Instituto Enerxetico de Galicia. DOG Nº 16, (24/01/2023).
OBXECTO
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Z).
2. Convócanse para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a mellora enerxética (en adiante, Bono enerxía peme). As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten un mellor uso da enerxía e contribúan a reactivar sectores de actividade fortemente afectados polas restricións derivadas da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e actual carestía dos produtos enerxéticos que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar a cabo en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.
3. As presentes axudas destinadas a empresas incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
Neste caso deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector do transporte de mercadoría por estrada, este límite redúcese a 100.000,00 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios.
PROXECTOS SUBVENCIONABLES
1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:
a) Bono asesoramento enerxético:
Serán subvencionables:
i) Diagnósticos enerxéticos que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía que evalúe o custo e aforro económico derivado.
ii) Auditorías enerxéticas que, ademais do contido das diagnoses, deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfica das instalacións, medicións lumínicas,…) e na parte de proposta de mellora deben analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de tele-xestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.
O custo elixible máximo dos diagnósticos e auditorías enerxéticas dependerá do consumo enerxético anual da empresa (suma de todos os consumos enerxéticos: electricidade, gasóleo, gas natural, butano,…) conforme o establecido na seguinte táboa.
Consumo do centro de traballo (kWh/ano) |
Custo elixible máximo diagnóstico (€) |
Custo elixible máximo auditoría (€) |
Ata 5.000 |
500 |
1.000 |
De 5.000 a 25.000 |
1.000 |
2.000 |
De 25.000 a 100.000 |
2.000 |
4.000 |
Máis de 100.000 |
3.500 |
7.500 |
As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta na «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme», publicada na páxina web do Inega www.inega.gal. Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo V da presente resolución en calquera momento desde a publicación da presente resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme» ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.
b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.
c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida refírese exclusivamente ás instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén serán subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas que advirtan de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.
2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.
3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.
CONDICIÓNS DOS PROXECTOS
1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE.
3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá incluír unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das recollidas no artigo 2 destas bases reguladoras. Excepcionalmente se permitirá a presentación de dúas solicitudes cando unha delas inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético.
FINANCIAMENTO
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2023 e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A3.733A.770.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 4.200.000,00 euros.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.
O importe dos fondos previstos entenderase máximo, aínda que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.
3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.
4. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.
BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
Sector servizos-sección CNAE 2009 |
División |
Sección G: comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas |
45 a 47 |
Sección H: transporte e almacenamento |
49 a 53 |
Sección I: hostalaría |
55 a 56 |
Sección J: información e comunicacións |
58 a 63 |
Sección K: actividades financeiras e de seguros |
64 a 66 |
Sección L: actividades inmobiliarias |
68 |
Sección M: actividades profesionais, científicas e técnicas |
69 a 75 |
Sección N: actividades administrativas e servizos auxiliares |
77 a 82 |
Sección P: educación |
85 |
Sección Q: actividades sanitarias e de servizos sociais |
86 a 88 |
Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento |
90 a 93 |
Sección S: outros servizos |
94 a 96 |
2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de XUÑO de 2023.