RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
—ORDE do 6 de maio de 2026 pola que se convoca a primeira edición do ano 2026 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio. Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG Nº 96, 26/05/2026)
OBXECTO
O obxecto principal desta orde é a convocatoria da primeira edición do ano 2026 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
De xeito máis detallado, esta iniciativa persegue as seguintes finalidades:
- Estimular a demanda das persoas consumidoras.
- Fortalecer e reactivar economicamente o comercio polo miúdo, promovendo as compras de bens en establecementos de proximidade.
- Dinamizar e visibilizar o comercio local mediante campañas específicas de incentivo
O código de procedemento é CO301B
REQUISITOS DE ADMISIBILIDADE DOS ESTABLECEMENTOS
Poden participar os establecementos comerciais retallistas de Galicia.
Tamén se inclúe a prestación de servizos vinculados ás epígrafes do IAE 972.1 e 972.2 (perruquería e institutos de beleza)
- As persoas ou entidades interesadas poden atopar a información necesaria e realizar os trámites correspondentes a través da páxina web oficial: www.bonosactivacomercio.gal.
- Ferramenta de traballo: Unha vez adheridos, para poder trocar os bonos e aplicar os descontos á clientela, os comerciantes teñen a obriga de descargar no seu teléfono móbil a app “bonos Activa comercio”.
- Xestión de operacións: A través da plataforma tecnolóxica do programa, os comerciantes terán acceso a un panel onde poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos que xa foron trocados e o estado dos pagamentos realizados pola entidade colaboradora.
OPERACIÓNS SUBVENCIONABLES
- Compra de bens: A adquisición de produtos en calquera dos establecementos comerciais retallistas de Galicia que estean adheridos ao programa.
- Prestación de servizos específicos: Tamén se inclúe a prestación de servizos vinculados ás seguintes epígrafes do Imposto de Actividades Económicas (IAE):972.1 e 972.2
CONDICIÓNS E EXCLUSIÓNS
- Importes mínimos: Para que unha operación sexa subvencionable mediante o troco do bono, a compra debe ser igual ou superior a 20 € (IVE incluído).
- Exclusión de compras en liña: O programa especifica claramente que non será aplicable o troco dos bonos para as compras realizadas a través de internet.
- Pagamento: A persoa usuaria debe pagar o importe final da compra (unha vez aplicado o desconto) xa sexa en efectivo ou con tarxeta no propio establecemento.
- Devolucións: No caso de que se devolva un ben subvencionado, o comerciante non poderá devolver cartos en efectivo; a operación deberá cambiarse por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade.
DESCONTOS DOS BONOS
Cada persoa beneficiaria poderá descargar un único bono cun valor de ata 30 €. O importe do desconto que se aplica en cada compra depende do valor total da mesma (co IVE incluído):
- 5 € de desconto: en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
- 10 € de desconto: en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
- 15 € de desconto: en compras iguais ou superiores a 50 €.
PRAZO DE ADHESIÓN PARA COMERCIOS
O prazo é dende o 27/05/2026 ata o 15/12/2026



