- O obradoiro online A igualdade de oportunidades e a normativa nas cooperativas agrarias terá os días 8, 15, 22 e 29 de marzo (as sesións comezan as 16:30 e duran 2 horas).
- As persoas interesadas en inscribirse poden cubrir o formulario nesta ligazón.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias organiza o obradoiro en liña “Igualdade de oportunidades e a normativa nas cooperativas agrarias”, que consta de 4 sesións (os días 8, 15, 22 e 29 de marzo, comeza ás 16:30h. e dura 2 horas), co que continúa as súas actividades a prol do Apoderamento das mulleres socias de cooperativas, do fomento da igualdade de xénero e do aumento da presenza feminina nos órganos directivos destas entidade.
Os obxectivos do curso son formar ás mulleres socias de cooperativas en formas de organización que camiñen cara á integración e a igualdade, ademais de avaliar o seu avance nas cooperativas agrarias galegas. O curso permitirá ás persoas participantes coñecer a lexislación en materia de igualdade para que poidan formarse unha opinión sobre a súa incidencia na igualdade efectiva e impulsar propostas de mellora acordes coa realidade.
As xerentes de 4 cooperativas galegas ofrecerán charlas, xunto con máis especialistas en diferentes aspectos relacionados con cooperativismo, normativa e igualdade de xénero, e darase visibilidade tamén á situación en cooperativas doutras comunidades autónomas.
Durante a primeira sesión, o 8 de marzo, presentarase a situación das cooperativas agroalimentarias de Castela-A Mancha e as de Galicia e, doutra banda, contará cunha charla a cargo da xerente da Cooperativa Agraria Comarcal de Ordes, María del Carmen Piñón.
O 15 de marzo o programa inclúe charlas sobre a situación nas cooperatvias de Euskadi e sobre empoderamento, conciliación e corresponsabilidade, ademais da intervención da xerente da cooperativas hortícola Postoiro, Beatriz Morán.
O 22 de marzo terá relatorios sobre motivación e sobre a situación en Estremadura e unha charla de Marisa Santos, xerente da cooperativa Codeira (dedicada ao sector lácteo e a comercialización de pensos).
O curso finaliza o 29 de marzo coa intervención da xerente da cooperativa láctea Xallas, María Lois, e cos relatorios de Miguel Sáenz de Viteri, que profundará nos pormenores da lexislación galega e doutras autonomías en materia de igualdade e en propostas de mellora, materia sobre a que tamén se inclúe un debate.
A persoas que desexen inscribirse poden facerlo nesta ligazón.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta con financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social.