A Lei de Cooperativas e a Estratexia da Economía Social protagonizaron o encontro mantido o 15 de setembro entre a consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e as entidades integrantes do Foro pola Economía Social Galega, entre as que se atopa AGACA.
O obxectivo da xuntanza era avanzar en futuras colaboracións e proxectos para impulsar esta fórmula económica de éxito en Galicia, que supón o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade.
Representantes de ForoESGal (AGACA, ESPAZOCOOP, Aeiga, Aesgal e Cegasal– representan a diversidade das fórmulas da economía social como cooperativas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e sociedades laborais da comunidade), puxeron en valor o traballo conxunto que administración e entidades están a desenvolver no deseño da Estratexia da Economía Social en Galicia.
Este marco de referencia apoiará, de xeito transversal, o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, da xestión de residuos, agroalimentario de proximidade, economía dos coidados e industrias culturais. Seguirá a impulsar a presenza feminina na economía social e a profesionalización destas actividades, tamén incluirá medidas para facer que este modelo resulte atractivo á mocidade.
Xunto coa nova Lei Galega de Cooperativas, que se atopa en proceso de actualización, Xunta e Foroesgal puxeron en valor o traballo conxunto para seguir a difundir os valores da economía social como modelo baseado na solidariedade, na democracia ou a na sustentabilidade.
Galicia, lembraron, é a primeira comunidade en canto á reserva dos contratos, un mecanismo que permite ás administracións establecer que nos seus procesos de licitación participen de xeito exclusivo empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social. Xunta e entidades avogaron pola implementación desta medida nas entidades locais.
Na xuntanza, a conselleira, Elena Rivo, tomou nota das inquedanzas e suxestións dos integrantes do Forol para avanzar na proxección desta fórmula económica que encaixa á perfección coa idiosincrasia galega e preconiza os valores do traballo colaborativo e respectuoso co medio ambiente.