A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o vindeiro 17 de setembro a xornada formativa “Mazá de sidra: da maceira ao mercado”, centrada nas oportunidades que ofrece a mazá de sidra en Galicia ao longo da súa cadea de valor. A actividade, que se desenvolverá en formato online no marco da Rede Eusumo, abordará cuestións como a sanidade vexetal, a transformación, a comercialización coa industria sidreira, os contratos de subministración e as posibilidades de diversificación e enoturismo.
A actividade dá continuidade á primeira edición celebrada en 2025, centrada no cultivo e na produción da mazá de sidra. Nesta ocasión, a xornada avanza ao longo da cadea de valor para abordar cuestións como a transformación artesanal e industrial da mazá, a sanidade vexetal da maceira, a comercialización coa industria sidreira e as posibilidades de diversificación e enoturismo.
O programa contará coa participación de profesionais e especialistas de referencia no ámbito da investigación, a sanidade vexetal, a Administración e a industria. A apertura correrá a cargo de Carlos Ares, director xerente de AGACA, e a primeira intervención abordará a conxuntura da mazá de sidra en Galicia, da man de Xosé A. Meijide, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
A continuación, Rosa Pérez, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, afondará nas principais pragas e enfermidades da maceira e no seu manexo fitosanitario. A xornada incluirá tamén un webinar con Lucio García, do Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), no que se presentará o GO Supraolivo.
Xa na segunda parte da mañá, Miguel López Sieiro, subdirector xeral de Coordinación da PAC, da Cadea e Calidade Alimentaria, analizará a cadea alimentaria, os contratos e os custos de produción. Pola súa banda, José Luis Olmedo, de Custom Drinks/Sidra Maeloc (Corporación Hijos de Rivera), abordará as claves da comercialización industrial e dos contratos de subministración coa industria sidreira.
A diversificación será outro dos eixos da xornada. Miguel Soto, da Asociación Maceira e Sidra da Estrada, presentará a Ruta da Sidra como modelo de valorización territorial e analizará as posibilidades que ofrece o enoturismo. Finalmente, a sesión pecharase con experiencias directas do sector, coa participación dos produtores José Antonio López Pampín, de A Estrada, e Jesús Rodríguez Raposo, de Alfoz, que compartirán a súa experiencia na produción e comercialización da mazá de sidra en Galicia.
A xornada está dirixida a socios e socias de cooperativas agroalimentarias e CUMAS, produtores e produtoras, persoal técnico, investigadores e investigadoras, persoas vinculadas á economía social do medio rural, estudantes e público xeral interesado no sector.
Inscrición na xornada sobre mazá de sidra
A participación é online, a través da plataforma Zoom.
Data: 17 de setembro de 2026
Horario: 9:30 – 14:30 h
Modalidade: Online (Zoom)
PROGRAMA
| 09:30 h | Conexión e benvida aos participantes. Presentación dos obxectivos da xornada
|
| 9:40 h | Conxuntura da mazá de sidra en Galicia
|
| 10:30 h | Sanidade vexetal: pragas e enfermidades da maceira
|
| 11:15 h | Presentación GO Supraolivo
|
| Descanso 11:45 – 12:00 h | |
| 12:00 h | A cadea alimentaria, contratos e custos de produción
|
| 12:45 h | Comercialización industrial e contratos de subministración coa industria sidreira
|
| 13:30 h | Diversificación e enoturismo: a Ruta da Sidra como modelo de valorización territorial
|
| 14:00 h | Experiencias na produción e comercialización da mazá de sidra en Galicia
|
| Fin da xornada 14:30 h |
Unha actividade no marco da Rede Eusumo
A xornada enmárcase no programa da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e da economía social, con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.




