- A compañía galega de distribución alimentaria investíu un 28% máis no último exercicio na adquisición dos produtos amparados baixo o Programa de Comercialización Agraria de Calidade Diferenciada de AGACA co que colabora
- En 2021 Vegalsa-Eroski comercializou na súa rede de establecementos 1,8 millóns de quilos de produtos agrarios de calidade diferenciada, distribuídos en 29 referencias da horta galega
- A distribuidora alimentaria e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) renovaron o convenio de colaboración no marco da 44ª edición da Feria Internacional Abanca Semana Verde de Galicia
No marco do Programa conxunto con AGACA de Comercialización Agraria de Calidade Diferenciada, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski destinou no último exercicio 1.952.000 euros a compras a produtos agrarios de calidade diferenciada, incrementando un 28% o seu investimento a estas adquisicións fiel ao seu compromiso coa produción local de calidade.
Así o puxo de manifesto o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, durante a renovación deste convenio de colaboración xunto á presidenta de AGACA, Carmen Rodríguez, na 44 edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, acompañados de persoal técnico e dirixentes das cooperativas implicadas.
“O noso é un compromiso sostido coa horta galega na que seguiremos investindo para continuar contribuíndo a potenciar os seus produtos. Boa proba diso é a previsión de compra que manexamos para o peche deste exercicio e que ascende a 2.350.000 euros, o que supón un incremento do 20% sobre o investimento de 2021”, explica Joaquín González.
Pola súa banda, dende AGACA, Carmen Rodríguez agradeceu a Vegalsa/Eroski o esforzo por aprovisionarse de produtos alimentarios de Galicia, “tendo en conta que ademais de calidade e garantía de seguridade alimentaria e rastrexabilidade produtiva, cando se compra un produto alimentario de cooperativa está a contribuírse ao desenvolvemento empresarial do medio rural, fixando poboación e dando cobertura a miles de agricultores e gandeiros galegos, con 6.000 empregos directos en Galicia e miles de indirectos. En definitiva, que os alimentos comercializados polas cooperativas achegan un gran suplemento de valor en responsabilidade social que a persoa consumidora debe percibir e recoñecer”.
Horta de calidade e innovación na gama de produtos
En 2021, na rede de establecementos de Vegalsa-Eroski comercializáronse un total de 1,8 millóns de quilos de produtos agrarios de calidade diferenciada, distribuídos en 29 referencias propias da horta galega, procedentes das dúas cooperativas integradas neste proxecto de horta galega de calidade de AGACA e Vegalsa-Eroski: Horta de Galicia e Horsal.
Das referencias comercializadas os alimentos máis demandados polos consumidores e a súa participación sobre o total do volume foron: leitugas (28%), pementos (19%), feixóns (14%), tomates (15%), cebolas (8%), repartíndose a porcentaxe restante entre nabizas-grelos, cabaciña, cogombros, repolos, allos porros e cabaza.
Mención especial merece tamén a boa acollida por parte dos consumidores aos produtos de “IV Gama Galega” que se comezaron a vender nas tendas de Vegalsa-Eroski en agosto de 2020, froito da colaboración a cooperativa Horsal. Dende a compañía indican que as novas referencias a implantar ao longo do presente exercicio serán produtos de IV Gama, máis concretamente espinacas e canónicos, ademais da incorporación de produtos BIO como feixón e pemento de Padrón.
Vegalsa-Eroski representa algo máis do 30% do total da súa actividade contribuíndo a través deste convenio marco ao incremento de emprego e desenvolvemento do sector produtivo da zona.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 278 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski/Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski/City, Aliprox e Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservicios Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 18 centros distribuídos homoxeneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.
Sobre AGACA
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias nace en 1988 como unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter non gobernamental, coa finalidade de representar e defender os intereses e as necesidades das múltiples cooperativas agrarias e gandeiras de Galicia. Cumpre coa misión de fomentar e promover o cooperativismo con vontade social de apoio e cooperación, como un instrumento ao servizo das cooperativas asociadas dende o cal se tentan aproveitar todas as sinerxías e se constitúen foros de debate en favor dunha procura permanente de puntos en común.