Un dos propósitos de AGACA é poñer en valor e dar a coñecer o potencial do sector agroalimentario, que abrangue actividades moi diversas, nalgún caso minoritarias pero non por iso irrelevantes. Neste senso, no marco da Rede Eusumo, facemos un repaso dalgunhas producións que se desenvolven en Galicia a pequena ou mediana escala, e que protagonizaron varias das accións formativas desenvolvidas pola Asociación nestas últimas semanas.
O té galego
O té, a infusión procedente da Camellia sinensis, é unha bebida consumida a nivel mundial (segundo estatísticas, bébense 25.000 cuncas por segundo) e mesmo conta cun día Internacional declarado polas Nacións Unidas, o 21 de maio. Na actualidade, a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) estima que sustenta a máis de 13 millóns de persoas, especialmente en pequena produción e en zonas rurais.
E non é unha moda: conta cun arraigo milenario no mundo e centenario en Galicia, onde xa no século XIX a Escola Práctica de Agricultura de Pontevedra vendía a planta de 30cm a dúas pesetas. Un informe da FAO en 2018 apuntaba un posible aumento no consumo de té ligado á maior concienciación e interese polos beneficios que supón á saúde e ao benestar; en 2021, a institución constata un aumento debido ás restricións de movementos derivadas da pandemia e estima que a produción acade os 8,5 millóns de toneladas en 2027.
Con estes antecedentes, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro conta cun Plan Estratéxico para o Lanzamento e Promoción da marca Té de Areeiro na provincia de Pontevedra. Areeiro postula que o gasto en infusións en España está a medrar, igual que o consumo de té verde; o cultivo, ademais, pode contribuír á mellora da biodiversidade.
Por contra, indica que non é unha bebida tradicional en Galicia e que, malia que o tempo de cultivo é de seis meses, o proceso para contar cun produto listo para o mercado é longo e precisa de varios coidados e traballos, ademais dun investimento inicial de 13.000 €/ha; con todo, o rendemento da Camellia sinensis estímase de tres a cinco toneladas/ha/ano.
A resina

Usamos a resina dende a prehistoria. Na actualidade, está presente en ceras, gomas, pintura e tintas, disolventes, perfumes, aditivos alimenticios, aromatizantes, envases plásticos, produtos de limpeza e ata pneumáticos.
En Galicia, a resina obtense do piñeiro, do cal, en 2019, había unha superficie que roldaba as 400.000 ha. De media, unha árbore produce uns tres quilos anuais, cun prezo entre 1,07 e 1,35 €/kg, aínda que é moi variable entre anos e segundo os acordos produtor/comprador. Así, atópanse testemuños que indican prezos de 1,70€/kg hai dous anos xunto con previsións que apuntan de 1 a 1,20€/kg en 2024.
O proceso consiste na recolección da miera (resina afectada pola natureza; filtrada é trementina) segregada polos piñeiros para levala á industria que a procesa para obter augarrás (aceite volátil de trementina) e colofonia (resina sólida resultado de destilar trementina), que, a súa vez, poden ser novamente derivadas ás industrias antes mencionadas. En Galicia comézase a resinar con árbores de 20 cm aproximadamente, pois a fin última da árbore é a tala para aproveitamento da madeira, que adoita cortarse arredor dos 35 anos, polo que a resinación se fai aproximadamente nos últimos cinco anos de vida; en Brasil, en cambio, empezan a resinar entorno ao sexto ou oitavo ano da árbore.
A nivel mundial, a resina de orixe vexetal (o carbón verde) supón un terzo do mercado, sendo o resto carbón negro (resina de hidrocarburos). Dado que a tendencia do mercado se achega á sostibilidade e á conservación natural, a empresa resineira Valcán considera «esperanzador» o sector, se ben aínda é residual a nivel macroeconómico.
Fancisco Domínguez, resineiro e formador, ve vontade de modernizar o sector en iniciativas coma proxectos de investigación ou o labor do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
A resinación pode supoñer un xeito de engadir valor a masas forestais de baixa calidade madeirable, ao dar rendibilidade ás árbores antes da tala, e tamén un xeito de asegurar algún ingreso se por cuestións ambientais, lume ou pragas se perde a madeira. Como exemplo, a Comunidade de Montes de Baroña, con 690 ha arboradas maioritariamente con piñeiros, o 35% da madeira é de baixa calidade, polo que optou por resinar; en 2020 aproveitou 17.000 árbores, con 49-50 toneladas/ano.
Existen métodos tradicionais (con pica: incisións na codia e cámbium, sen afectar a madeira, das que a resina esvara por unha peza metálica ata un pote) e industriais, coma o de pica mecanizada circular ascendente (a resina cae directamente dunha incisión no tronco a unha bolsa) que emprega a empresa Xagoaza Pinaster, quen indica que a madeira resinada e a que non o foi son estatisticamente iguais.
Con todo, emprender como industria extractora require considerar os custos — que dende Laxes Ambiental marcan en 1,40€/kg considerando salarios, equipos de traballo e transporte (para os seus catro traballadores), acordo co propietario das árbores e rendemento—, ademais da falta de apoio público (existen, por exemplo, axudas para creación de superficies forestais e para rozar, malia que estas últimas non se apliquen a fentos, que dificultan o traballo). Así, incentivos coma o complemento de vixilancia existente en Portugal para labores como a alerta de incendio poden terse en consideración.
As oliveiras
A explotación de oliveirais para obter aceite require numerosas consideracións. O Grupo Operativo del Olivar en Galicia-OLIGALICIA, desenvolvido por AGACA, o Centro Tecnolóxico da Carne e a cooperativa Proligal ao abeiro dos fondos FEADER, afirma que o sector aumentou en Galicia nos últimos anos, con variedades autóctonas e foráneas, sendo un problema a falta de coñecementos sobre o cultivo. Así, OLIGALICIA aspira a crear un mapa das variedades existentes e estudar prácticas de cultivo adaptadas a cada explotación, no relativo a fertilizantes e a rega.
A orientación, horas de sol e de frío, fortes ventos, asolagamento, xeada, chuvia e altitude determinan a aptitude do terreo para o cultivo de oliveiras, por tanto, o emprego de castes autóctonas pode ser vantaxoso: están adaptadas ás condicións do medio (xenes resistentes a enfermidades ou seca, por exemplo) e aos ciclos de cultivo específicos, o que lles dá gran viabilidade e unha calidade organoléptica propia e diferenciada que pode ser demandada polos consumidores, ademais de ser un patrimonio xenético fonte de biodiversidade.
O Banco Mundial de Xermoplasma da Oliveira do Instituto de Investigación e Formación Agraria e Pesquera (Córdoba) salvagarda o patrimonio varietal da oliveira, que se mantén case intacto durante séculos pola lonxevidade e capacidade de supervivencia da especie. A colección conta 1270 entradas de 29 países, con 668 variedades identificadas, porén, o Banco constata que as plantacións se basean en poucas variedades, dadas as demandas da olivicultura moderna e competitiva e a globalización do mercado aceiteiro.
Así as cousas, o Banco indica que as investigacións deberían enfocarse nas variedades adaptadas ao cambio climático e nas aptas para o cultivo ecolóxico, ademais de no estudo do Verticilium e a Xylella; tamén, no aumento da oferta varietal e no uso das novas ferramentas da xenómica para a identificación varietal e a selección precoz na mellora. Neste senso, o Banco recoñece dificultades para identificar correctamente as variedades de oliveira: non só existen numerosas variedades que reciben o mesmo nome, senón que hai casos opostos onde unha variedade se denomina de moitos xeitos; para aclarar a confusión, baséanse nos caracteres morfolóxicos, sendo o óso o órgano máis útil para discriminar variedades.
Estas accións formativas enmárcanse no programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.




