O sistema de recollida de envases agrarios SIGFITO asinou un convenio coa Fundación CONAMA para participar na próxima edición do Congreso Nacional do Medio Ambiente que se celebrará do 28 de novembro ao 1 de decembro no Palacio Municipal de Congresos de Madrid
Coa firma deste acordo, o sistema de SIGFITO pretende promover o modelo de economía circular no ámbito da agricultura, pero, afirman, “para conseguir un cambio de paradigma, é indispensable resolver, entre outros asuntos, a problemática existente na xestión dos residuos agrarios, cuxa difícil solución imposibilita que os agricultores poidan cumprir coa normativa e o medio ambiente, un factor que é crucial para evitar que se poida producir un dano na imaxe da agricultura española para a Unión Europea”.
Ademais, SIGFITO organizará unha xornada no marco do CONAMA 2016, na que se analizarán as achegas do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR) no ámbito agrario. Entre outras cuestións debaterase como as Comunidades Autónomas están a implantar as melloras na coordinación e harmonización de criterios entre as propias administracións, e como está a afectar a sensibilización ambiental no control que están a exercer as CC.AA sobre a xestión dos residuos na agricultura.
Para SIGFITO, CONAMA 2016 “é un foro transversal, esencial no medio ambiente cuxos debates e foros calan directamente na Administración e esta poida facer fronte aos retos ambientais que se nos presentan na sociedade”.