- Corenta socias da cooperativa vitivinícola Viña Costeira (Valdepereira – Ribadavia) participaron na última xornada do programa “Atrévete Contigo Mesma”, que contextualiza e busca solucións ás problemáticas que afectan ás mulleres do medio rural para compaxinar vida profesional e persoal.
- A xornada, organizada por AGACA e Obra Social “la Caixa”, busca motivar ás socias da cooperativa para que accedan ao Consello Reitor, así como escoitar as súas suxestións para a mellora das iniciativas da entidade no que respecta á paridade
Un grupo de 40 asociadas á adega cooperativa Viña Costeira asistiu esta mañá á xornada “Atrévete Contigo Mesma”, impartida por persoal da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias especializado en igualdade e motivación empresarial.
A primeira parte da charla centrouse en contextualizar o papel da muller no sector cooperativo. A falta de tempo e de preparación listáronse como principais causas da escaseza de socias implicadas nos Consellos Reitores: o 47% das cooperativistas di non dispor de nada de tempo libre para goce persoal e arredor do 17% alega falta de formación ou non sentirse capacitada para un posto de responsabilidade.
A segunda metade da Xornada invitou á participación das asistentes, coas que se debateu sobre os servizos que deberían incorporar as entidades para fomentar a participación das mulleres en asembleas, votacións e reunións societarias, pero tamén aspectos como a visibilización das capacidades das mulleres do medio rural e xeitos de lograr unha axeitada conciliación entre a vida profesional e laboral (só o 9% das parellas de cooperativistas recoñece un reparto equitativo das tarefas domésticas).
Susana López, secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, destacou durante a inauguración a importancia de que máis mulleres se integren en órganos de decisión de cooperativas, pois “non se pode desaproveitar o talento dun segmento tan alto da poboación activa”.
Yago Borrajo, Xefe Territorial de Medio Rural de Ourense, Félix Rodríguez Vázquez, responsable da oficina La Caixa de O Carballiño, e os presidentes de AGACA e Viña Costeira, José Montes e Andrés Rodríguez, respectivamente, participaron no acto.
Empoderamiento
O eido do cooperativismo agroalimentario conta en Galicia con arredor de 13.000 persoas asociadas en máis de 80 cooperativas, segundo os Informes Económicos de AGACA. Só o 12% destas entidades ten mulleres no Consello Reitor, malia seren elas o 49% da masa social.
O obxectivo do programa “Atrévete Contigo Mesma”, no que levan participado 430 mulleres de 10 cooperativas das catro provincias galegas, é servir de motivación ás cooperativistas para que se involucren activamente no toma de decisións e no desenvolvemento dos aspectos máis empresariais das cooperativas, pois o 96% das asociadas nunca optou a un posto nun órgano de decisión.
AGACA e Obra Social “la Caixa”, entidades organizadoras, buscan poñer de relevo as capacidades empresariais das mulleres do eido rural e proporcionarlles ferramentas para mellorar a súa percepción das súas propias habilidades.