- Durante esta semana, unha vintena de persoas asistiron ao obradoiro “Gobernanza cooperativa nas Comunidades de Montes Veciñais”, que remata hoxe en Pontevedra.
- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza a actividade no marco da Rede Eusumo.
Esta tarde termina na Picota o obradoiro Gobernanza cooperativa en las Comunidades de Montes Vecinales, organizado por AGACA. Unha vintena de persoas relacionadas coa xestión de montes veciñais e en man común (CMVMC) asistiron durante as tardes desta semana ao obradoiro.
A sesión de hoxe exporá o proxecto TROCO2, Mercado Transfronteirizo de Intercambio de Carbono, cofinanciado polo Feader e centrado na capacidade do terreos forestais para extraer CO2 da atmosfera e almacenalo (coñecida como efecto sumidoiro). Este efecto é un dos aspectos tratados na Lei de Montes de Galicia e poténciase por medio da xestión forestal sustentable.
Ademais, a xefa do Servizo de Montes de Pontevedra, Amalia Pazos, explicará que son os Instrumentos de ordenación ou xestión forestal, obrigatorios segundo o artigo 77 da Lei 7/2012. O prazo para que os montes se doten dun instrumento remata en 2020.
O obradoiro comezou o luns cunha mostra de iniciativas de dinamización do uso dos montes veciñais con éxito, entre elas cría de porco celta, cultivo de castaña e oliva ou recollida de resina, mentres que as seguintes sesións desenvolveron aspectos máis directamente relacionados con xestión e administración das Comunidades, como son a propia gobernanza e xestión cooperativa das comunidades, a fiscalidade e a titularidade e defensa dos montes veciñais. Estes relatorios foron impartidos por profesionais do despacho de avogados Calixto Escariz.
O obradoiro forma parte dun ciclo da Rede Eusumo destinado a impulsar o emprendemento a través do uso dos recursos agrarios das Comunidades de Montes, que, en Galicia, xestionan aproximadamente dous terzos da superficie de monte da Comunidade.
Mediante esta formación, búscase divulgar a fórmula cooperativa como medio para potenciar e consolidar a activación destes terreos de cara a un rendemento produtivo, así como favorecer o emprego xuvenil.
Rede Eusumo
Esta actividade enmárcase na Programación da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.