Nerea Aneiros é de Moeche (A Coruña) e conta con estar incorporada á explotación familiar Granxa O Caxigo S.L. antes de finalizar o ano. Con 23 anos, cursou bacharelato, unha FP en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal e, agora, está en segundo curso de Veterinaria en Lugo, formación que compaxina coa actividade na granxa.
A estas alturas, Nerea ten moi claro que vivir no rural, do ámbito agrogandeiro e cun salario digno é moi factible e recomendable, se, coma ela, che entusiasman o contacto cos animais e a liberdade de ser o teu propio xefe. Síntese moi agradecida pola formación recibida no EFA Fonteboa onde cursou o FP, xa que pasou por unha etapa “rebelde” onde, afirma: “Cheguei a ter dúbidas sobre seguir co traballo na granxa e o ciclo devolveume a ilusión e as ganas”.
Granxa O Caxigo incorpora unha explotación de leite de vacún e outra de vacas de carne. A cabana de leite rolda as 70 cabezas e a de carne pasa das 90. Da xestión e do día a día encárganse os seus pais e agora tamén o seu irmán, enxeñeiro agrícola, e ela.
“Do meu paso por Irlanda aprendín que nós facemos as cousas igual de ben ou mellor pero eles teñen unha consideración social que aquí non temos”
Nerea síntese orgullosa de dedicarse a esta profesión e pensa que así o debería sentir e manifestar toda persoa que se dedique a este ámbito para darlle a consideración social que merece. Da súa experiencia en Irlanda, onde estivo varias semanas aprendendo, trouxo principalmente dúas conclusións: que en Galicia fanse as cousas igual de ben ou mellor e que naquel país os agricultores e gandeiros son valorados socialmente, algo que en Galicia non sucede.
Esta granxeira e futura veterinaria está segura de que a motivación e o orgullo que a caracterizan teñen a súa orixe na actitude tan aberta que sempre amosaron os seus pais, valorando as cualidades desta profesión e, tamén, favorecendo que ambos os dous irmáns se dedicasen ao que máis lles gustase.
“Síntome moi orgullosa de dedicarme a esta profesión. Os nosos pais sempre nos animaron a que nos preparásemos para aquelo que máis nos gustase”
En canto ao futuro da granxa, avanza ilusionada que están traballando nun proxecto de ampliación moi ambicioso, cun investimento que se pode aproximar ao millón de euros e co que van pasar de ter vacas en pastoreo a intensivo, ampliando a cabana gandeira a 120 vacas en muxidura, con dous robots de muxido, o que vai supoñer un cambio importante na xestión pero tamén máis tempo libre ao prever a xeración dun ou dous postos de traballo.
Nerea recoñece que teñen unha gran vantaxe con respecto a outros gandeiros e é que na súa zona hai pouca actividade agrogandeira, o que lles permite ter acceso a unha importante base territorial: actualmente teñen dispoñible arredor de 80 hectáreas entre terreo propio, alugado ou cedido.
Artigo publicado na revista Cooperación Galega. Nº 155.