ATENCIÓN: este obradoiro foi cancelado.
- Do 27 ao 31 de xullo terá lugar en Vilagarcía de Arousa o obradoiro “Gobernanza cooperativa nas Comunidades de Montes Veciñais”.
- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza a actividade no marco da Rede Eusumo.
- As persoas interesadas en asistir, de maneira gratuíta, poden inscribirse chamando ao 981 58 47 83 ou en www.agaca.coop.
O obradoiro gratuíto “Gobernanza cooperativa nas Comunidades de Montes Veciñais (CCMMVV)” diríxese a persoas interesadas na xestión e aproveitamento destas superficies e comeza o próximo luns no Centro Cultural Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa). Realizarase seguindo o protocolo de medidas fronte á covid-19.
Desenvolverase en cinco xornadas temáticas: Iniciativas innovadoras na valorización dos montes veciñais no medio rural, Gobernanza e organización cooperativa das CCMMVV, Fiscalidade, Titularidade e defensa da integridade dos montes veciñais e Instrumentos de ordenación ou xestión forestal.
Entre os seus obxectivos están impulsar o emprendemento e espertar o interese das persoas propietarias de terras en activalas cara a obter un rendemento produtivo. Ademais, trataranse xeitos de favorecer a creación de emprego, especialmente xuvenil, favorecendo a organización da produción e da comercialización mediante cooperativas .
AGACA organiza esta actividade que se enmarca na programación 2020 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
Máis información e inscrición aquí
20/07/2020
Esta noticia foi editada o 22/07/2020