Non, non é xusto que os prezos dos produtos agrarios e gandeiros non medren cando se disparan os custos de produción. Tamén é mala a espiral de crecemento de custos de produción aínda que se compense co crecemento dos prezos dos produtos agrarios e gandeiros. Algúns sectores produtivos viven nunha “montaña rusa económica” na que manter o temón na dirección correcta parece misión imposible. Por momentos parece que nos achegamos ao final da era da abundancia sen límites, e parece que debemos adaptarnos á escaseza, a ser austeros e recortar gastos no modelo produtivo de cada explotación agrogandeira. Noutros momentos, dá a falsa sensación de que non vai ocorrer nada extraordinario.
Non é xusto que os prezos dos produtos agrarios e gandeiros non medren cando se disparan os custos de produción
Nos pasados anos tivemos uns prezos moderados nos insumos agrícolas (fertilizantes, enerxía, materias primas de alimentación animal…). Esta moderación estivo ligada, en parte, a un subministro exterior ao mundo occidental, en países con escasos dereitos laborais, sen democracia e seguridade, sen coidados ambientais…, mentres se desmantelaba o sistema produtivo dos mesmos nos países democráticos. Coa confrontación bélica ás portas da Unión Europea estamos ante unha situación moi complexa, á que estamos obrigados a adaptarnos.
Estamos obrigados a facer un esforzo en reducir a factura enerxética mediante os correspondentes investimentos en renovables e en reducir ao máximo a aplicación de fitosanitarios e zoosanitarios.
Dende as explotacións agrarias e gandeiras, e as correspondentes cooperativas que prestan apoio ás mesmas, estamos obrigados a facer un esforzo en reducir a factura enerxética mediante os correspondentes investimentos en renovables. Pese a dispoñer dunha regulación pouco considerada co autoconsumo, temos un reto a longo prazo: reducir a factura enerxética mediante a produción propia. Adoptar medidas relacionadas coa eficiencia no sistema de adobado das terras agrarias reducindo ao máximo posible o uso de adobos químicos e avanzando na nutrición sostible do chan, no uso de emendas, na correcta aplicación dos adobos orgánicos… Debemos reducir ao máximo o número de aplicacións de fitosanitarios e zoosanitarios (vixiar e coidar ao máximo a contorna produtiva da granxa que diminúa as enfermidades, pragas e contaxios entre as plantas e o gando).
As producións gandeiras, e as cooperativas vinculadas deberán seguir esforzándose ao máximo para aliviar o impacto dos pensos que subministran aos animais. Ás administracións debemos esixirlle compromisos mínimos na provisión pública de bens e servizos.
As producións gandeiras, e as cooperativas ligadas ás mesmas, deberán seguir esforzándose ao máximo para aliviar o impacto dos pensos que subministran aos animais, ben con medidas selectivas que incrementen a súa eficiencia, ben cunha maior eficiencia na produción propia de forraxes de calidade. Tamén ás administracións debemos esixirlle compromisos mínimos na provisión pública de bens (acceso e ordenación da terra agraria, eficiencia nos apoios públicos ao sector,…) e servizos (máis apoio ao aconsellamento e aos servizos técnicos a disposición de agricultores e gandeiros, axilidade nas respostas ante situacións volátiles…).
Debemos seguir mellorando a formación nas escolas agrarias e a formación continua e seguir prestando apoio e atención á transferencia tecnolóxica e a innovación.
As rendas de quen se dedican á agricultura e á gandería non poden verse afectadas e, para iso, debemos seguir mellorando a formación nas escolas agrarias e a formación continua, seguir prestando apoio e atención á transferencia tecnolóxica e a innovación. En definitiva, o futuro do sector pasa pola súa capacidade para colaborar e de cooperar. Os problemas son globais e as solucións veñen do impulso á cooperación. Teremos un planeta máis habitable, unha calidade de vida axeitada, e asumiremos menos riscos se pensamos a longo prazo, que pensando no aproveitamento conxuntural a curto prazo, antepoñendo o benestar colectivo fronte ao interese e as decisións individuais.