Non comprendemos como na sociedade actual hai unha crecente tendencia a criminalizar aos agricultores e gandeiros por producir os alimentos que levamos comendo toda a vida. Estamos diante duns movementos sociais instalados nos despachos das decisións gobernamentais, que pechan os ollos aos hábitos na súa vida persoal e colocan o consumo de alimentos como expiatorio do seu cargo de conciencia ambiental atacando á carne, ao leite e ao uso de produtos fitosanitarios. Así, poden seguir movéndose en transportes ou comprando por Internet calquera ben de consumo para que chegue á súa casa sen saír do salón. Todos os días móvense millóns de contedores, de camións, trens, barcos, coches de reparto de última milla etc., pero ninguén pide explicacións das súas emisións ligadas ás decisións de compra. Non vaia ser.
Na sociedade actual hai unha crecente tendencia a criminalizar aos agricultores e gandeiros por producir os alimentos que levamos comendo toda a vida.
Se non teñen posibilidades ou non queren moverse do salón da súa casa para facerlle fronte a aqueles sectores económicos que xeran a maioría das emisións de efecto invernadoiro (transporte, enerxía, industria, turismo etc.), xustifícanse saíndo ao campo ou aos medios de comunicación, buscan unha leituga ou unha vaca que, visto o visto, é a maneira cómoda de dispoñer dun “inimigo do medio ambiente”, para exculpar a conciencia súa e a dos sectores económicos poderosos que contaminan, pero cos que non se enfrontan. Así, o cidadán pode ir de vacacións, facer miles de quilómetros por lecer consumindo combustibles fósiles, poñer a calefacción ou aire acondicionado a tope…, pero non convén comprometelo pois danamos o PIB, o emprego e, para máis inri, cabréao como votante.
Xustifícanse saíndo ao campo ou aos medios de comunicación, buscan unha leituga ou unha vaca que, visto o visto, é a maneira cómoda de dispoñer dun “inimigo do medio ambiente”, para exculpar a conciencia súa e a dos sectores económicos poderosos cos que non se enfrontan.
Deste xeito, os fitosanitarios, arrotos e peidos das vacas convértense na orixe de todos os males medioambientais, sinálase aos agricultores e gandeiros, elimínase o uso de materias activas fitosanitarias e xa temos desviado o foco, extinguido o problema de conciencia para seguir coas comodidades asociadas ás emisións de gases habituais. Desde hai dez anos, vemos como faltan solucións para facer fronte ás pragas e os agricultores xa comezan a poñer fin á súa actividade. Nisto están os produtores de leitugas en Galicia, incapaces de superar as pragas de pulgón por falta de materias activas fitosanitarias mentres se dispara o consumo de leitugas de Portugal, onde o seu goberno si permite o seu uso.
Este problema, que nunca protagoniza os titulares e que pode ser obxecto de malentendidos, é unha importante fonte de frustración e desánimo para a gran maioría dos agricultores. Desde 2001, o número de ingredientes fitosanitarios activos dispoñibles reduciuse de 900 a menos de 470. Desde xuño de 2019 perdéronse 85 substancias sen que se ofreceran alternativas convencionais que as substitúan. Urxe revisar o sistema de autorizacións e recuperar o equilibrio de custo-beneficio e o risco, este último sempre sobre a base do coñecemento científico. Urxen novas autorizacións de solucións alternativas. Urxe apoio á asistencia agronómica e técnica aos produtores. Xogámonos o futuro e a seguridade alimentaria se non somos capaces de protexer os cultivos. Menos dogmatismo político e máis decisións pragmáticas e dialogadas cos representantes dos agricultores e gandeiros. Máis cooperar sen atrancos.




