- Esta mañá os estudantes de primeiro de Bacharelato do IES Pontepedriña (Santiago) participaron nunha xornada didáctica sobre cooperativismo na Fundación Feiraco, situada en Ames.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o cooperativismo e a economía social.
Técnicos de AGACA impartiron unha xornada de formación sobre cooperativismo no eido agroalimentario para un grupo de estudantes de primeiro de Bacharelato do instituto compostelán Pontepedriña. O obxectivo foi presentar ao alumnado as oportunidades de desenvolvemento laboral e económico que ofrece o modelo cooperativo de negocio, para que o consideren como opción de futuro profesional.
Para completar a formación, persoal de Feiraco mostrou a mozos e mozas as instalacións da cooperativa láctea, explicando os pormenores da elaboración dos produtos lácteos, así como o funcionamento dunha sociedade cooperativa.
AGACA e a Fundación Feiraco, que dende o 2012 funciona como un dos “Centros Rede Eusumo” para a dinamización do emprendemento cooperativo, participan así, unha vez máis, nun dos proxectos da Rede Eusumo, impulsada pola Consellería Economía, Emprego e Industria dende o ano 2011.
Rede Eusumo
Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo.