AGACA e AEIGA elaboraron, no marco da Rede Eusumo, un estudo que analiza a perda e o desperdicio alimentario no sector hortofrutícola galego desde a perspectiva da Economía Social. O informe recolle datos, boas prácticas e propostas sostibles impulsadas por cooperativas e entidades galegas para reducir e valorizar os alimentos, contribuíndo a un modelo produtivo máis eficiente e responsable.
No marco da Rede Eusumo,veñen de publicar este estudo: ” Estudo de impacto e potencialidades da prevención de perdas e desperdicio alimentario no sector hortofrutícola da economía social de Galicia”. Este estudo para o fomento do cooperativismo e da Economía Social en Galicia, analiza en profundidade a problemática da perda e o desperdicio alimentario no sector hortofrutícola, un desafío de enorme relevancia económica, social e ambiental. A través dunha revisión exhaustiva de fontes oficiais e de entrevistas a entidades galegas de Economía Social —as cooperativas Horsal SCG, Porta do Río Miño SCG e a empresa de inserción Primicias Raíña—, o informe achega unha visión actualizada sobre as causas, o impacto e as posibles solucións a esta problemática desde unha perspectiva cooperativa. Ademais, pon o foco na nova Lei 1/2025 de prevención da perda e o desperdicio alimentario, que marcará un punto de inflexión para o sector agroalimentario galego. O obxectivo último é contribuír á construción dun modelo produtivo máis sostible, solidario e eficiente, no que a Economía Social xogue un papel clave na redución e valorización dos alimentos perdidos ou desperdiciados.
O traballo afonda na magnitude do problema tanto a nivel global como europeo, destacando que cada ano se perden ou desperdician millóns de toneladas de alimentos que poderían destinarse ao consumo humano. Este fenómeno ten un forte impacto económico e ambiental, pero tamén presenta importantes retos éticos e sociais, nun contexto no que millóns de persoas carecen dun acceso axeitado a unha alimentación de calidade.
Neste sentido, o estudo salienta a oportunidade que representa a Economía Social —e especialmente o cooperativismo agroalimentario— para avanzar cara a sistemas alimentarios máis responsables. A través de boas prácticas, innovación e modelos de xestión sostible, as entidades do sector poden reducir as perdas nas fases de produción, distribución e consumo, contribuíndo así ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e á transición ecolóxica.
O documento inclúe, ademais, propostas e exemplos de iniciativas que xa se están a implementar en Galicia e noutros territorios, orientadas á revalorización dos excedentes hortofrutícolas, ao fomento do aproveitamento alimentario e á sensibilización da cidadanía. Con isto preténdese ofrecer ferramentas útiles ás entidades da Economía Social e ao conxunto do sector agroalimentario para avanzar na prevención do desperdicio alimentario e na creación de valor compartido.
A publicación completa do “Estudo de Impacto e potencialidades da prevención de perdas e desperdicio alimentario no sector hortofrutícola da economía social de Galicia” está dispoñible para a súa descarga na web, no marco das accións promovidas pola Rede Eusumo para impulsar a sustentabilidade e a cooperación no medio rural galego.




