- Mulleres socias da cooperativa Aira comezaron esta mañá un obradoiro de tres días sobre apoderamento.
- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) desenvolve a actividade no marco de Rede Eusumo.
Esta mañá comezou o obradoiro “Apoderamento das mulleres socias de cooperativas” nas instalacións da cooperativa Aira en Taboada.
Unha trintena de mulleres socias da cooperativa participaron no Obradoiro, que arrinca con charlas acerca de novos recursos produtivos, a necesidade de organizarse socialmente e a cooperativa como eixo vertebrador. Ademais, presentaranse AMCAE (Asociación de Mujeres de Cooperativas Agro-alimentarias de España) e “NÓS, AS MULLERES”, Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias
Interviñeron na xornada José Manuel López, presidente de Aira, Loli Couso, técnica de AGACA, e Dolores Calvo, presidenta da adega cooperativa Condes de Albarei.
O día 17 de setembro continúa o Obradoiro cunha exposición de casos prácticos de novos cultivos e producións agrogandeiras, centrada na castaña e a cría de porco celta. Intervirán Manuel López, secretario técnico da IXP Castaña de Galicia, Isabel Costas, presidenta da cooperativa Tres Fuciños, e Daniel Ferreiro, director xeral de Aira.
O Obradoiro finaliza o día 24 de setembro, cunha viaxe ao Centro Especial de Emprego Produtores de Carne da Ribeira Sacra.
Rede Eusumo
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2019 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.