NOTA DE PRENSA: Delagro
- A cooperativa DELAGRO e a multinacional norueguesa Yara presentaron o martes en España Nitrograss Se, o primeiro fertilizante nitrogenado que inclúe o micronutriente
- Medio centenar de profesionais do sector agrogandeiro asistiron ao acto no Complexo Industrial de Delagro nas Pontes (A Coruña).
A cooperativa de segundo grao Delagro e a multinacional norueguesa Yara presentaron o martes en España Nitrograss Se, o primeiro fertilizante nitroxenado que inclúe selenio, un micronutriente que resulta clave para a saúde do gando e tamén para a saúde humana. A presentación realizouse no Complexo Industrial de Delagro nas Pontes (A Coruña), ante uns 50 técnicos de cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria.
Delagro distribuirá en exclusiva no norte de España este innovador fertilizante que, ademais de nitróxeno -tanto nítrico como amoniacal- e outros nutrientes, incorpora selenio en forma de selenato, máis facilmente asimilable e eficiente para as plantas.
Supón un proceso natural que encadea nutrición vexetal con nutrición animal e termina en nutrición humana.
Desde a dirección comercial de Delagro preténdese promover este novo concepto de nutrición que converte aos pastos da cornixa cantábrica en alimentos funcionais para o gando: “Este concepto xa é habitual en alimentación humana, afeita a alimentos funcionais, pero aínda non calou na nutrición animal”.
Delagro, nun proxecto común con Yara, trata así anticiparse, innovar e contribuír de maneira notable ao benestar animal e ás boas prácticas gandeiras ante un mercado de consumidores máis sensible a estes temas.
Na presentación de Nitrograss Se, Luís Ángel López, director agronómico de Yara Iberian, destacou: “Este produto innovador, que xa estamos a comercializar nos países do norte de Europa, permite que as forraxes, fundamentalmente a herba e os pastos, incorporen de forma natural este microelemento e que a vaca o inxira tamén de forma natural, reducindo o uso de suplementos químicos e mellorando así a sustentabilidade ambiental da actividade gandeira”.
Ademais, López lembrou que “do mesmo xeito que para a saúde humana, o selenio é clave para a saúde do gando, como vacas leiteiras e ovellas, xa que ao frear os radicais libres do organismo prevén problemas como a retención de placenta, mastitis e a enfermidade do músculo branco en tenreiros”.
Delagro contempla estender esta filosofía nutricional a todas as súas cooperativas socias e ser unha vez máis referente no sector produtor leiteiro de España.
Delagro S. Coop.
Delagro (membro de Cooperativas Agro-alimentarias de España) é unha cooperativa de segundo grao do sector agrícola e gandeiro (lácteo principalmente), que xurdiu hai máis de 23 anos co obxectivo de converterse no mellor exemplo de integración cooperativa.
Hoxe, cunha facturación próxima aos 200 M€ integra a 26 cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria. Ademais colabora con cooperativas de compoñente lácteo de Euskadi, Castela e León e Portugal. Converteuse, desta maneira, nunha das máis importantes centrais de compras e distribución do norte de España.
Yara
Yara, compañía de fertilizantes norueguesa fundada en 1905, ten unha presenza global con máis de 12.000 empregados e vendas en máis de 150 países.