
Tellado,
presidente de
Aira, S. Coop. Galega
O 20 de xullo celebrouse a Asemblea Xeral de Aira e esta entidade comunicou á sociedade que segue a medrar en momentos tan complexos como os vividos actualmente no sector primario. Entrevistamos ao seu presidente, Xosé Manuel López Tellado, coa finalidade de que nos avance a grandes trazos o camiño deseñado na Sociedade para os vindeiros anos. Ademais, nesta asemblea de Aira tamén se abordou a renovación do Consello Reitor xurdido do proceso de integración das cooperativas fundadoras.
Cooperación Galega (C.G.): Coa renovación do Consello Reitor xurdido no acordo de integración pode afirmarse que está pechado o proceso de integración social de Aira?
Xosé Manuel López (X.M.): Eu diría que podemos afirmar que ese proceso de integración social está consolidado, pero non pechado. Está consolidado, porque todos os socios e socias temos asimilado que Aira é a nosa cooperativa, independentemente de cal fora a de orixe, pero non se pode dicir que este proceso estea pechado porque aínda a comezos deste ano 2022 se incorporaron outras dúas cooperativas
(Mopán e Cova de Vales ).
Tampouco descartamos que poidan producirse novas incorporacións noutro momento. As cooperativas somos entidades activas e o proceso de integración é unha ferramenta máis para seguir manténdose ao servizo das persoas socias.
C.G.: Que novos deberes se propón Aira cara aos vindeiros anos? Que retos asume a entidade cara ao futuro?
X.M.: O reto é sempre xerar valor para a persoa socia, pero o máis urxente é prepararse para estar ao día en todos os cambios normativos que se están producindo (dixitalización, xestión de xurros, pegada de carbono etc). Para todos estes cambios, PAC incluída, van ser fundamentais os servizos técnicos e de asesoramento.
Pero non debemos esquecernos que para conse- guir o gran reto que dixen antes, hai que seguir investindo para ter máis capacidade de transformación dos nosos produtos (leite, carne etc.).
C.G.: Ademais de dispoñer dunha estrutura directiva consolidada que achega rigor e estabilidade á cooperativa, tamén dispoñen de liñas de negocio que achegan valor. No sistema de aprovisionamento ás explotacións, Aira conta cunha fábrica de pensos punteira. Que queda por facer nos aprovisionamentos das explotacións?
X.M.: No tema dos aprovisionamentos, como en todo, sempre se pode facer máis e mellor, pero creo que nesta escalada de prezos das materias primas, coa que levamos máis dun ano, e que se intensificou co comezo da guerra de Ucraína en febreiro, Aira, e en xeral, as cooperativas que estamos en Delagro, fomos capaces de estar por debaixo da media dos prezos do mercado, debido á boa xestión de compras que se viña facendo con anterioridade.
C.G.: Aira tamén é recoñecida pola variedade de servizos ás explotacións gandeiras socias: veterinarios, agronómicos, maquinaria… Cales son os pasos a dar nos vindeiros anos para facer máis fortes ás explotacións dos socios? A PAC vai esixir apoio e asesoramento á persoa socia, como se prestará este apoio?
X.M.: Como xa dixen antes,a nova PAC,que entrará en vigor a comezo do 2023, e todo o proceso de cambios normativos que leva consigo, vainos esixir unha intensificación do apoio técnico de asesoramento á base social. Como este servizo xa está regulado, a medida que vaia aumentando a demanda iremos buscando as solucións máis axeitadas. De feito, neste senso, dende Aira xa estamos dando pasos para ofrecer ás ganderías respostas fronte algunhas das novas esixencias que nos van pedir a curto prazo en temas como o control e a xestión dos medicamentos, dos xurros na granxa ou da pegada de carbono.
C.G.: Volvendo a vista á comercialización. A día de hoxe, cumpriu Galacteum todos os obxectivos perfilados cando se deseñou? Que produtos desenvolve esta industria?
X.M.: Si, sen ningunha dúbida, foi un acerto. E iso que vimos de rematar unha primeira fase de fortes investimentos (máis de 24 M€) e posta en marcha dos diferentes procesos. Aínda así, acadamos o 100% da capacidade operativa da nova planta, na que fundamentalmente fabricamos produtos e bases industriais en polvo para alimentación e para elaboración doutros produtos de alimentación.
C.G.: A innovación e a tecnoloxía son fundamentais nesta cooperativa. É difícil manterse como entidade punteira?
X.M.: Non podemos pensar se é fácil ou difícil. Temos que autoesixirnos estar sempre na vangarda da innovación e da tecnoloxía. É evidente que neste campo sempre hai novos retos que cumprir, pero temos que estar aí.
C.G.: Cales son as novidades nas que se está a traballar? En que destaca Aira sobre o resto do sector?
X.M.: Non creo que isto sexa unha novidade, pero o noso firme obxectivo é o de sermos capaces de poder ofrecer ás persoas socias pechar o círculo do que precise a súa explotación (insumos, servizos, asesoramento e comercialización).
C.G.: Finalmente, en relación cos resultados económicos. Que valoración fai do último exercicio? Están superados os efectos do conflito da Guerra en Ucraína?
X.M.: No último exercicio económico, a valoración que facemos é moi positiva dado que medramos un 9,1% en relación co ano anterior, o que nos permite acumular un 39% de crecemento nos catro exercicios de actividade que levamos, e todo isto reducindo marxes e aumentando bene- ficios. Isto é mostra de que imos na boa dirección, e do importante que é a economía de escala.
Os efectos da guerra de Ucraína non é que estean superados, porque a guerra aínda non acabou, pero polo que nos afecta de momento, podemos dicir que están controlados mentres a situación non empeore, o cal é impredicible.