- Hoxe comezou a segunda edición do curso “A economía social e a modernización do sector agroalimentario: certificacións de calidade e medioambientais”.
- Consta de 70 horas de formación gratuíta que se poden cursar online.
- As dúas edicións do curso completaron a cota de matrícula, sumando 46 estudantes.
Hoxe comezou a segunda edición do curso gratuíto “A economía social e a modernización do sector agroalimentario: certificacións de calidade e medioambientais”, cuxo obxectivo é promover as oportunidades que a economía social e a implantación destas certificaciós supoñen de cara a modernizar as explotacións agroalimentarias.
Consta de 3 unidades didácticas: Cooperativismo no sector primario (as cooperativas e marco legal do cooperativismo), Certificacións de calidade (ISO, GLOBAL GAP, BRC/ IFS e certificacións de vacún de leite) e Certificacións ambientais (ISO, análises de ciclo de vida, pegada de carbono e pegada hídrica). En total, ofrécense 70 horas de formación que poden ser cursadas online dende o 22 de outubro ata o 13 de novembro. A primeira edición do curso, pola súa banda, comezou o 15 de outubro e concluirá o 6 de novembro.
AGACA organiza esta actividade, que se enmarca na programación 2020 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.