- As cooperativas deben ser destinatarias directas das medidas de apoio, dado o seu papel na subministración e compra de carburantes, fertilizantes e outros medios de produción para miles de agricultores e gandeiross.
Cooperativas Agro-alimentarias de España valora a ampliación ata o 31 de decembro das medidas de apoio ao sector agrario para facer fronte ao incremento dos custos enerxéticos e dos principais medios de produción.
Cooperativas Agro-alimentarias defende que, mentres persistan as tensións derivadas do conflito en Oriente Medio e os seus efectos sobre os mercados enerxéticos, non debe producirse unha desescalada dos apoios ao sector agrario. O Goberno debe aproveitar ao máximo a marxe que permite o marco temporal europeo de axudas de Estado.
Ao mesmo tempo, considera necesario empezar a traballar en medidas que vaian máis aló das respostas conxunturais, xa que os efectos sobre os prezos da enerxía, os fertilizantes e outros insumos poden prolongarse mesmo aínda que o conflito se estabilice.
A organización reclama ademais que as cooperativas agroalimentarias formen parte directa das medidas actuais e futuras, dado o seu papel esencial na compra, subministración e distribución de carburantes, fertilizantes e outros medios de produción para miles de explotacións. As cooperativas permiten organizar as compras, reducir custos e actuar tamén como apoio económico e financeiro para os seus socios e socias.
Cooperativas Agro-alimentarias lembra, para rematar, que apoiar o sector produtor e ás súas cooperativas tamén contribúe a reducir o impacto da crise enerxética sobre o prezo dos alimentos. Se o incremento dos custos recae unicamente sobre os produtores, a perda de rendibilidade pode traducirse en menor produción ou abandono de explotacións, reducindo a oferta e engadindo novas presións sobre a cesta da compra.
Por iso, a organización considera prioritario manter a capacidade produtiva do sector, garantir a rendibilidade das explotacións e favorecer ao mesmo tempo unha oferta estable de alimentos a prezos adecuados para os consumidores.

