- Estudantes do CEIP Pío XII, en Santiago de Compostela, participaron esta mañá na segunda das 20 xornadas previstas no programa “Almorz@ con Beizos Brancos” para o curso 2016/2017
- A actividade incluíu unha charla didáctica sobre alimentación sa, exercicios lúdicos e un almorzo equilibrado e con produtos naturais.
- No curso pasado, AGACA e Obra Social “la Caixa” repartiron máis de 500 almorzos saudables en 11 centros de ensino.
O alumnado de terceiro de primaria do CEIP Pío XII (Santiago de Compostela) participou esta mañá en “Almorz@ con Beizos Brancos”, un programa organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” que ten por obxectivo difundir fórmulas nutricionais sas entre os escolares de Galicia.
Escola e familia
O almorzo incide tanto no desenvolvemento físico como no rendemento académico: é unha das premisas que reforza “Almorz@ con Beizos Brancos”, para que nin nenos e nenas nin as súas familias se salten esa comida, posto que aínda quedan escolares que acoden a clase co estómago baleiro.
Así, a nutricionista María Fernández comezou a xornada explicando os valores nutricionais de froitas de tempada e produtos lácteos e recomendando evitar alimentos procesados industrialmente, con exceso de azucres que non achegan ningún beneficio á saúde.
Para ilustrar a charla educativa o alumnado degustou un almorzo equilibrado e completo, composto por pan con aceite, froita e leite adozada con cacao puro e mel. Por outra banda, os nenos e nenas aprenderon os procesos que pasa o leite desde que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos, mediante unha actividade lúdica.
Compromiso duradeiro
Tras o éxito de “Almorz@ con Beizos Brancos” no curso pasado, con 11 centros educativos (4 da provincia da Coruña, 4 de Pontevedra, 2 de Lugo e 2 de Ourense) e máis de 500 estudantes participando, AGACA e Obra Social “la Caixa” aumentaron este ano o número de actividades a 20.