Por Higinio Mougán, director-xerente de AGACA
Iniciamos outubro co Informe de Entregas de Leite correspondente ao mes de agosto, e por segundo mes consecutivo caen en Galicia. Dende o fin das cotas lácteas, as entregas na nosa Comunidade Autónoma foran medrando case todos os meses, configurándose como a novena rexión produtora de leite da UE. Isto canto vai durar? As fortes olas de calor e a seca que afectaron á produción de leite nos meses de xullo e agosto tenderán a remitir nos meses do outono e do inverno a pesar de que as consecuencias permanecerán ata o vindeiro outono, pois dispoñemos de menos forraxe de millo ensilado e de peor calidade.
Na práctica totalidade das comunidades autónomas de España a redución das entregas é algo habitual mes tras mes, e o sector lácteo español depende, cada vez máis, das entregas de leite en Galicia e da súa evolución xeral. Somos conscientes de que as caídas de entregas dos meses de verán son debidas ás fortes olas de calor, e que as vacas non recuperan a produción ata o próximo parto, pero que podemos agardar da evolución produtiva do sector nos vindeiros anos? En Galicia, as olas de calor afectaron ás entregas en menor medida que no resto de España. É de supoñer que esta menor incidencia está baseada no feito de que as entregas viñan medrando de forma continuada mentres que o resto de España acusaba un estancamento ou redución das entregas.
Ata onde vai seguir medrando a produción láctea galega?
Parece que os efectos das olas de calor xeraron preocupación e inquedanzas pola viabilidade do crecemento nos vindeiros meses e anos. Os abandonos de explotacións continúan a pesar de que en tantos por cen son inferiores en Galicia ao resto de España, pero chegará un momento en que tamén acabarán por afectar gravemente ao tecido produtivo de determinadas comarcas (falta de apoio social e institucional dos concellos, de servizos profesionais de apoio…). Varios factores condicionarán a evolución produtiva do sector leiteiro galego. Posiblemente non sexa un único factor e atopemos factores combinados, mesturados, que axudan a crear ese ambiente económico, institucional e social propicio para que as explotacións sigan medrando e profesionalizándose.
O sector enfróntase a necesidades como a de impulsar e mellorar o relevo xeracional; á de dispoñer de man de obra profesionalizada, e mesmo á dunha xestión profesional da man de obra das explotacións; á de dispoñer de terras abandonadas para incrementar as producións; á adaptación produtiva ás novas esixencias ambientais da PAC e da normativa emanada da Estratexia da Granxa a Mesa e Biodiversidade da UE; precísase unha menor presión social de animalistas e demais movementos sociais en contra da gandería e das producións gandeiras e que os mercados teñan proxeccións de estabilidade, con prezos rendibles ou viables que faciliten o investimento dos gandeiros e gandeiras, entre outras.
As cooperativas
As cooperativas gandeiras levan, na súa maioría, máis de 40 anos de realizando un labor clave no abastecemento e prestación de servizos ás explotacións. Todo este traballo que se realizou, e realiza, en mellorar as explotacións non é suficiente; posiblemente hai que abordar directamente o problema da falta de man de obra e do relevo xeracional que, hoxe por hoxe, son uns dos principais problemas que comezan a afectar ao peche de explotacións rendibles, xunto á xa típica axustada rendibilidade do sector, extremadamente exposto aos impactos inflacionarios das materias primas de alimentación animal (que case medraron un 100% dende hai dous anos), aos custos desmesurados dos carburantes, dos adobos, zoosanitarios etc.
As cooperativas deben axudar ás explotacións a instalarse nunha gandería profesional sostible, que cree emprego e manteña o medio rural, que ilusione á mocidade, e que siga achegando alimentos de elevada calidade aos consumidores. Para iso, é necesario que continúen esforzándose en desenvolver ferramentas de xestión, máis ou menos incorporadas e experimentadas ou poñelas en marcha, como:
• Servizos de substitución, que permitan os correspondentes descansos ao persoal nas pequenas granxas. Profesionais competentes que traballen para varias explotacións, que as coñezan, que coñezan aos gandeiros e gandeiras, que lles permita cubrir vacacións, baixas, e momentos de maior carga de traballo; en definitiva, que mellore a calidade de vida das persoas gandeiras.
• Dispoñer dunha bolsa de profesionais con formación como auxiliares de gandería, ao tempo que se poñen, á súa disposición, vivendas no propio medio rural, e condicións laborais dignas mediante unha xestión de recursos humanos adaptada aos tempos.
• Seguir mellorando os servizos de maquinaria en común, de xeito que cubran parte desta necesidade, e sirvan de elemento competitivo no mercado destes servizos.
• Un plan de relevo para as explotacións rendibles a piques de pechar por xubilación mediante a busca de persoas gandeiras que, tuteladas e apoiadas pola cooperativa, tanto técnica como economicamente, se fagan cargo da explotación, incluso mediante a constitución de sociedades nas que participen o actual titular, a persoa aspirante a coller o relevo, e a cooperativa. As comarcas con escasa presenza de explotacións deben ser prioritarias fronte a aquelas onde existen suficientes para aproveitar as terras das explotacións que abandonan.
Segundo estudos recentes, unha relación das aspectos que se saben que funcionan contempla: profesionalización na xestión da cooperativa; intercooperación; integración de explotacións para evitar o peche; compromiso e fidelidade dos socios e socias; financiamento á base social por parte das cooperativas; intervención sobre a terra, incluso da propia cooperativa; apoio sen dúbidas nin manipulacións das administracións; asistencia técnica, formación e servizos integrais da cooperativa; confianza e ilusión e actividades complementarias (turísticas, renovables…, entre outros.
Estamos a tempo de seguir medrando no sector lácteo galego, e para iso debemos comezar a facer cousas que ata agora non se facían. Claro que hai que seguir loitando para mellorar as rendibilidades das explotacións e, máis aínda, continuar a loita por uns prezos e condicións de mercado que permitan que a produción de leite sexa un negocio rendible, estable e ben valorado pola sociedade en xeral. Facer cousas novas non implica deixar de facer as que viñamos facendo. Segundo estudos recentes, unha relación das aspectos que se saben que funcionan contempla: profesionalización na xestión da cooperativa; intercooperación; integración de explotacións para evitar o peche; compromiso e fidelidade dos socios e socias; financiamento á base social por parte das cooperativas; intervención sobre a terra, incluso da propia cooperativa; apoio sen dúbidas nin manipulacións das administracións; asistencia técnica, formación e servizos integrais da cooperativa; confianza e ilusión; actividades complementarias (turísticas, renovables…), entre outros.
En definitiva, a cooperativa debe mirar polas persoas socias de principio a fin, co apoio decidido das administracións debe procurar pagarlles o mellor prezo posible polos seus produtos, fomentar a capitalización dos resultados e/ou repartir retornos. Para iso, necesita tamén unha base social comprometida, que faga a achega ao capital que unha cooperativa desa dimensión e cometido precisa.
As cooperativas deben elaborar unha resposta estratéxica de cara ás persoas socias con explotacións con titulares de elevada idade e sen continuidade, coa finalidade de buscar respostas dialogadas. En determinadas comarcas e concellos, as cooperativas deben impulsar e experimentar as ferramentas e sistemas alternativos ás concentracións parcelarias, previstos na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia, coa finalidade de seguir impulsando a competitividade das súas explotacións. As cooperativas agrarias poden ser as sociedades que mellor executen estas accións de ordenación en estreita colaboración coas administracións responsables e as persoas gandeiras socias afectadas. En determinadas zonas de Austria con elevado minifundio téñense executado accións como as comentadas, de concentración de parcelas, mediante o aluguer a unha mesma persoa explotadora.
Existen excelentes exemplos de creación de seccións de cultivos nas cooperativas agrarias (seguindo os exemplos das cooperativas de viño galegas). A posibilidade de impulsar os Polígonos Agrarios para uso individual de persoas socias nunha contorna colectiva onde accedan a medios agrupados como sistema de mestura, servizos de asesoramento etc., ten que ser explorada. É necesario seguir apoiando a concentración de explotacións, especialmente das pequenas, e o seu dimensionamento a través de sociedades conxuntas das anteriores persoas posuidoras, ata chegar a granxas colectivas propiedade de persoas socias e coxestionadas pola cooperativa (en Galicia dispoñemos de excelentes exemplos desta posibilidade noutros sectores gandeiros).
Dende xa, o conxunto do sector lácteo debe iniciar accións para mellorar a percepción e os valores da produción agraria. Hai que esforzarse por colocar aos produtores e produtoras no corazón, no núcleo, da sociedade galega e ser recoñecidos como valiosos ou esenciais para a sociedade, e apreciados, pois nunca se produciron tantos alimentos, tan saudables, de calidade e sostibles, coidando a auga, o chan, a paisaxe e a natureza, como na actualidade.
Dende xa, o conxunto do sector lácteo debe iniciar accións para mellorar a percepción e os valores da produción agraria. Hai que esforzarse por colocar aos produtores e produtoras no corazón, no núcleo, da sociedade galega e ser recoñecidos como valiosos ou esenciais para a sociedade, e apreciados, pois nunca se produciron tantos alimentos, tan saudables, de calidade e sostibles, coidando a auga, o chan, a paisaxe e a natureza, como na actualidade. Hai que facer sentir á sociedade galega orgullo polo que hai na gandería galega, e poñer en valor a actividade, xerar ambición por un sector do que poder sentir orgullo compartido e que traballa en conxunto.
Non vistes a cara e o xesto de asombro dun cidadán cando visita unha explotación gandeira ben ordenada e competitiva?
Claro que, para iso, hai que avanzar con paso firme cara un sector forte con rendementos saudables que produce produtos de alta calidade e valor nutritivo. So así se incorporará xente nova á produción, logrando ingresos xustos en toda a cadea alimentaria e de retornos sostibles, desenvolvendo modelos de ingresos sostibles introducindo a innovación, que xeran ganancias e atenden ás necesidades do mercado. O reto do sector será situarse no corazón da sociedade e ser valorado pola mesma, como xestores dunha gran parte da superficie agrícola que é usada polo resto da sociedade para viaxar, vivir e recrearse. Habería que esforzarse por ser abertos e transparentes e amosar como se producen os alimentos. Non vistes a cara e o xesto de asombro dun cidadán cando visita unha explotación gandeira ben ordenada e competitiva? Temos que dar a coñecer o que facemos e como o facemos, especialmente aos nenos e nenas das cidades, para conectar coa sociedade e os consumidores.
A esta sociedade, tan preocupada polo clima e o medio ambiente, hai que explicarlle que as persoas gandeiras xestionan unha gran parte da paisaxe galega, que as súas accións teñen un efecto sobre a auga, o aire, o chan, e o medio ambiente. Por iso, asumen responsabilidades na loita contra a crise climática, na calidade da auga, na diminución da fertilidade do chan e na presión sobre a biodiversidade, o que obriga a innovar en economía circular e pechar, de forma óptima, o ciclo de alimentación e xurros, de adobado e tratamento fitosanitario ás colleitas, onde a fertilización de equilibrio é clave. Producir enerxía de forma neutral, secuestrar carbono no chan e reducións de emisións deben converterse en tarefas diarias, xunto co aumento da calidade da auga dos regatos e ríos, para o que hai que usar máis a loita biolóxica nun novo compromiso reforzado coa natureza.
O benestar animal ten que deixar de ser unha esixencia comercial para converterse nunha ferramenta de prevención de enfermidades dos animais, de mellora da alimentación, do aloxamento e dos seus coidados. Hai que visibilizar que o benestar dos animais é clave tamén para o sector, polo que a súa mortaldade debe tender a reducirse ao mínimo, así como o uso de antibióticos. Hai que poñer en marcha estratexias nas cooperativas para demostrar que o uso de antibióticos entre a base social está sempre por debaixo dos obxectivos oficiais.
Dende as cooperativas, grandes e pequenas, hai que impulsar cos medios dispoñibles a innovación tecnolóxica, de mercado. A innovación é un atractivo importante para a mocidade e para o impulso do relevo xeracional; insistir na formación e cualificación profesional da base social, compartindo as experiencias de gandeiros e gandeiras con mellores resultados e coa presentación dos datos produtivos dos mesmos; as sempre mencionadas e lembradas sesións de presentación de resultados técnico-económicas das explotacións para a mellora continua.
O espírito empresarial deberá axudar a movernos nun mundo que cambia cada vez máis rápido, non volver as costas á diversidade produtiva e convertela nunha fortaleza, pois sempre se aprende das diferenzas para acadar mellores resultados. A diversidade fai que o sector produtivo sexa atractivo para a mocidade agricultora e gandeira. Agricultura e gandería son un aprendizaxe de por vida, e hai que lograr que todas as persoas produtoras invistan no desenvolvemento do seu espírito emprendedor, que siga sendo posible que as explotacións gandeiras medren en dimensión encaixando na contorna física e social, evitando chegar a un continuo de macrogranxas ou grandes explotacións produtivas.
Aínda estamos a tempo. O ideal sería dispoñer dun sector gandeiro onde se traballe en conxunto, co apoio dos gobernos, partidos políticos e demais membros da cadea. As cooperativas non só deben formar parte deste futuro senón traballar para que chegue pronto, sabendo dos escasos — ás veces nulos—, apoios de quen lle correspondería liderar e ofrecer pancas de apoio. Hai que comunicar máis á sociedade o que fan as persoas gandeiras e as cooperativas polo sector, e lograr un lobby sectorial proactivo do conxunto do sector lácteo galego.
En fin, aínda estamos a tempo, pero o sector non debe demorarse en abordar estes retos. As cooperativas deben ver un futuro brillante para a gandería, vista a evolución das persoas gandeiras socias dende o ano 2015, cando finalizaron as cotas lácteas. Para iso, tamén deberán afianzar a fidelidade da base social e unha comunicación clara e fluída entre gandeiros e gandeiras e cooperativas, colaborando todos e todas para que a produción láctea sexa máis visible para a sociedade.
O ideal sería dispoñer dun sector gandeiro onde se traballe en conxunto, co apoio dos gobernos, partidos políticos e demais membros da cadea. As cooperativas non só deben formar parte deste futuro, senón traballar para que chegue pronto, sabendo dos escasos — ás veces nulos—, apoios de quen lle correspondería liderar e ofrecer pancas de apoio. Hai que comunicar máis á sociedade o que fan as persoas gandeiras e as cooperativas polo sector, e lograr un lobby sectorial proactivo do conxunto do sector lácteo galego se de verdade se vai seguir medrando e liderando a produción de leite en España para chegar a ser a sétima rexión produtora de Europa, como algúns propoñen. Debemos lograr esa conexión do conxunto do sector para conectar cunha sociedade que globalmente nos descoñece, especialmente as persoas máis novas que viven na contorna das cidades. Felizmente penso que aínda estamos a tempo. De todos depende que o fagamos.