- O convenio permitirá cofinanciar diferentes proxectos europeos impulsados por AGACA para favorecer a innovación, a sustentabilidade, a formación e a competitividade das cooperativas agroalimentarias galegas.
- A colaboración reforza a capacidade de AGACA para captar fondos europeos e trasladar ás cooperativas galegas novas ferramentas, coñecemento e solucións innovadoras para afrontar os retos do sector.
O Consello Reitor da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) celebrou hoxe a súa reunión ordinaria nas instalacións de Caixa Rural Galega, en Lugo, onde abordou distintos asuntos de interese para o cooperativismo agroalimentario galego e analizou as principais liñas de actuación da entidade para os vindeiros meses.
Ao remate da sesión, AGACA e Caixa Rural Galega formalizaron un convenio de colaboración mediante o que a entidade financeira apoiará o desenvolvemento de diferentes proxectos europeos impulsados por AGACA, contribuíndo ao cofinanciamento da parte que corresponde asumir á Asociación e reforzando así a súa capacidade para captar e executar iniciativas de innovación ao servizo das cooperativas agroalimentarias galegas.
A colaboración permitirá impulsar proxectos estratéxicos relacionados coa sustentabilidade, a innovación, a economía social, a formación e a mellora da competitividade do sector cooperativo. Estas iniciativas ofrecen ás cooperativas acceso a novas ferramentas, coñecemento, intercambio de experiencias con entidades doutros países europeos e solucións innovadoras para afrontar os retos actuais do sector agroalimentario.
Con este acordo, Caixa Rural Galega convértese nun aliado estratéxico para facer posible o desenvolvemento destes programas. Pola súa banda, AGACA comprométese a dar visibilidade á colaboración da entidade financeira nas actuacións e actividades vinculadas aos proxectos, sempre de acordo coa normativa e cos requisitos de comunicación establecidos polos respectivos programas europeos.
Sobre AGACA
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) é a entidade que representa ao cooperativismo agroalimentario de Galicia. Agrupa cooperativas de distintos sectores produtivos e actúa como interlocutora ante as administracións e outras institucións, promovendo a defensa dos intereses do cooperativismo, a prestación de servizos especializados e a cooperación entre as entidades asociadas. A súa actividade abrangue ámbitos como a formación, o asesoramento, a innovación, a comunicación e a participación en iniciativas de desenvolvemento do sector agroalimentario.
Sobre Caixa Rural Galega
Caixa Rural Galega é unha entidade financeira cooperativa con ampla implantación en Galicia e unha longa traxectoria de apoio ás persoas, ás empresas e ao sector agroalimentario. O seu modelo de banca de proximidade baséase na atención personalizada, no compromiso co territorio e no impulso ao desenvolvemento económico e social do medio rural. A través dunha ampla oferta de produtos e servizos financeiros, Caixa Rural Galega acompaña ás cooperativas, explotacións agrarias, pemes e particulares.



