—Axudas para persoas agricultoras mozas, para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ata 27/02/2023

Información de la ayuda

Derogada / Fóra de prazo

RESUMO ELABORADO PORAgaca

Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación”(formato PDF) e a orde completa na ligazón web. 

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023. Consellería do Medio Rural DOG Nº 18, (26/01/2023). 

OBXECTO

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas e convocar para o ano 2023 as seguintes liñas de axuda incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:

a) Medida 4. Investimentos en activos físicos.

– Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (código de procedemento MR405A. Axudas para investimentos nas explotacións agrarias).

b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

– Submedida 6.1. Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas (código de procedemento MR404A. Axudas á incorporación de mozos á actividade agraria).

– Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (código de procedemento MR405B. Axudas para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias).

Estas axudas teñen como finalidade:

a) Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

b) Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario.

DEFINICIÓNS

Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación, para os efectos desta orde, enténdese por:

1. Persoa agricultora activa: titular dunha explotación agraria que cumpre coas condicións establecidas no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014.

2. Persoa agricultora moza: a persoa que, no momento de presentar a solicitude da axuda á primeira instalación, teña feitos os dezaoito anos e non teña máis de corenta anos, conte coa capacitación e a competencia profesionais axeitadas e se estableza nunha explotación agraria por primeira vez como titular desa explotación; poderá establecerse de xeito individual ou xunto con outros agricultores, en calquera forma xurídica.

3. Persoa agricultora profesional: a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, obteña polo menos o 50 % da súa renda total de actividades agrarias ou doutras actividades complementarias, sempre e cando a parte da renda procedente directamente da actividade agraria da súa explotación non sexa inferior ao 25 % da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo agrario.

Para estes efectos, consideraranse actividades complementarias a participación e presenza da persoa titular, como consecuencia de elección pública, en institucións de carácter representativo, así como en órganos de representación de carácter sindical, cooperativo ou profesional, sempre que estes se atopen vinculados ao sector agrario. Tamén se considerarán actividades complementarias as de transformación dos produtos da explotación agraria e a venda directa dos produtos transformados da súa explotación, sempre e cando non sexa a primeira transformación especificada no punto 1 do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, así como as relacionadas coa conservación do espazo natural e protección do ambiente, o turismo rural ou agroturismo, ao igual que as cinexéticas e artesanais realizadas na súa explotación.

4. Exercer o control da explotación: no caso de persoas mozas que se instalan nunha persoa xurídica, entenderase que a persoa moza exerce o control efectivo sobre a persoa xurídica cando as accións ou participacións da persoa moza supoñan, polo menos, un capital social igual ou superior ao da persoa socia con maior participación e, ademais, formen parte da xunta reitora ou órgano de goberno.

5. Gastos xerais dos proxectos: os custos xerais vinculados ás operacións de investimento, tales como honorarios de enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade e plans empresariais, a que se refire o artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013, non poderán superar o 12 % do custo subvencionable do investimento. Asígnase un 3 % á redacción do proxecto, un 3 % á dirección de obra, un 3 % ao estudo de viabilidade ou plan empresarial e un 3 % ao asesoramento.

6. Pequena explotación: aquela explotación que figure inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, cuxa renda unitaria de traballo (RUT) se atope entre os seguintes parámetros:

– Mínimo: a renda unitaria de traballo que se obteña será igual ou superior ao 15 % da renda de referencia ou unha superficie agraria maior ou igual a 2 ha.

– Máximo: a renda unitaria de traballo que se obteña será inferior ao 35 % da renda de referencia.

7. Explotación agraria de nova creación: para os efectos de cualificar a instalación das persoas mozas nunha explotación de nova creación, terase en conta que o punto de partida da súa creación sexan elementos de explotación que non formen ou formasen parte doutra explotación agraria, agás que sexa unha explotación que se atope en estado de baixa, ou no proceso para considerala de baixa para efectos administrativos, e se proceda á súa adquisición.

No caso de que unha ou varias persoas mozas se vaian instalar con outras persoas socias nunha entidade xurídica titular dunha explotación, a dita explotación será de nova creación cando ningún dos ditos socios sexan titulares doutra explotación agraria.

8. Data de establecemento: data en que o solicitante realiza ou completa unha acción ou accións relacionadas co proceso de instalación.

9. Data de instalación: data en que se dá por finalizado o proceso de instalación.

10. Proceso de instalación dun persoa moza: este proceso iníciase cando se realice ou complete algunha das seguintes accións:

– Alta na Axencia Tributaria, na actividade agraria.

– Alta no réxime especial dos traballadores autónomos, no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios incluído no dito réxime, ou no correspondente réxime da Seguridade Social pola súa actividade agraria.

– Alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia como titular ou socio dunha entidade asociativa titular dunha explotación agraria.

– Estar totalmente subscrito e desembolsado o capital social que lle corresponda á persoa moza, se for o caso.

O proceso darase por finalizado, entendéndose que a persoa moza está instalada, cando se completen todas as accións.

11. Proxectos de innovación: entenderase que un proxecto é de carácter innovador se cumpre algún dos seguintes requisitos:

– Proxecto singular.

– Posta en marcha dunha nova tecnoloxía, creación de novos produtos ou mellorados que incorporen trazos específicos locais.

– Métodos de cooperación conxunta relacionados co aproveitamento das superficies agrarias de forma sustentable económica e ambientalmente.

O carácter innovador poderá estar presente no contido técnico do proxecto (no produto, no procedemento de obtención ou noutro elemento) ou na forma de organización e participación dos axentes locais no proceso de toma de decisións e de aplicación do proxecto. A condición de innovador dun proxecto deberá ser acreditada mediante a pertenza a Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola a través da participación nun grupo operativo, conforme o artigo 35.1.c) e os artigos 56 e 57 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ou que a Axencia Galega de Innovación (Gain) acredite ese carácter innovador. Asemade, para ser considerado innovador, en todo caso o proxecto deberá estar aliñado cos retos e prioridades da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027.

12. Rendemento global da explotación: a mellora das explotacións agrarias en termos de mellora do rendemento global suporá unha mellora integral e duradeira na economía da explotación. O plan de viabilidade que se elabore deberá demostrar, mediante cálculos específicos, que os investimentos materiais ou inmateriais están xustificados desde o punto de vista da situación da explotación e da súa economía e que a súa realización suporá unha mellora do rendemento global da explotación. Para estes efectos, considerarase que o plan de viabilidade cumpre as condicións establecidas cando, tras a súa realización, non diminúa a renda unitaria de traballo da explotación ou, nos casos en que se incremente número de UTA, non diminúa a marxe neta desta. Tamén se considerará como investimento que mellore o rendemento global da explotación o que supoña unha mellora nas condicións de traballo ou que mellore as condicións ambientais ou de hixiene e benestar na explotación, sempre que a renda unitaria de traballo non diminúa mais dun 20 %.

13. Unidade de traballo agrario (UTA): o traballo efectuado, de modo directo e persoal, por unha persoa dedicada a tempo completo durante un ano á actividade agraria.

14. Fusión de explotacións: considerarase fusión de explotacións o agrupamento de varios titulares de explotacións agrícolas, persoas físicas ou xurídicas, nunha única explotación, entidade xurídica, nos cinco anos naturais anteriores á presentación da solicitude (data de actualización no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia), que agrupe os bens e servizos de todas as explotacións fusionadas.

REQUISITOS PARA AS PERSOAS BENEFICIARIAS

Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada persoa beneficiaria segundo o tipo de axuda que solicite, todas deben:

1. Cumprir a condición de persoa agricultora activa no momento da solicitude. No caso de persoas agricultoras mozas, esta condición deberase cumprir dentro dos 18 meses seguintes á data de instalación.

Este requisito non será aplicable ás persoas beneficiarias da submedida 6.3.

2. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader.

3. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, agás que neste adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

INCOMPATIBILIDADES

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda da mesma natureza, concedida coa mesma finalidade ou para os mesmos investimentos e/o gastos, coa excepción das axudas correspondentes a garantías para préstamos ou derivadas doutros instrumentos financeiro comunitarios nas condicións establecidas no artigo 37 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

Conforme iso, se para os mesmos investimentos se solicita ou concede un préstamo garantido e unha subvención non reembolsable, aplicaranse os límites seguintes:

a) A suma do importe da subvención non reembolsable máis o importe do equivalente de subvención bruta (ESB) do préstamo, calculado conforme o Regulamento (UE) nº 964/2014, non poderá superar as porcentaxes de axuda do investimento subvencionable indicadas no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

b) A suma do importe do préstamo garantido máis o importe da subvención non reembolsable non poderá superar o importe total do investimento subvencionable.

c) Non se poderá utilizar a subvención para reembolsar o importe do préstamo obtido e o importe do préstamo non se poderá destinar a prefinanciar unha subvención.

No caso de que supere os límites indicados nas alíneas a) e/ou b), procederase a reducir a subvención non reembolsable concedida na contía necesaria para manter os requisitos de compatiblidade citados.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

BENEFICIARIOS

1. As persoas que desexen acceder ás axudas á incorporación de persoas agricultoras mozas á actividade agraria (procedemento MR404A) deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos incluídos.

b) Cumprir a condición de persoa agricultora profesional dentro dos 18 meses seguintes á data de instalación.

c) Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente no momento da solicitude da axuda, segundo se establece no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, ou comprometerse a adquirilo nun prazo improrrogable de 36 meses desde a data de instalación.

d) A explotación en que se produce a instalación debe alcanzar, cando finalice o seu plan empresarial, unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia anual e inferior ao 120 % desta.

e) Instalarse nunha explotación que alcance a dimensión física mínima establecida no anexo IV.

f) Presentar un plan empresarial de acordo co anexo IV.

g) Exercer o control efectivo da explotación.

h) Non ser titular dunha explotación agraria, excepto que:

i. Sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supera o 20 % da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria.

ii. Sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo de traballo e de renda unitaria de traballo inferior aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, alcance esta consideración en calidade de agricultor a título principal.

i) Non ter declarado rendementos económicos por actividades agrarias en estimación obxectiva ou directa. Exclúense desta consideración os rendementos económicos declarados polo persoa moza que proveñan da recollida e venda esporádica de produtos silvestres ou castañas de souto tradicional, así como a venda de madeira, ou polas excepcións do punto anterior.

j) A data de establecemento pode ser anterior á data de solicitude da axuda, pero en ningún caso procederán estas axudas se o proceso de instalación está rematado antes da solicitude de axuda, excepto os supostos previstos na alínea h).

2. Así mesmo, deberán:

a) Comprometerse por escrito a exercer a actividade agraria durante cinco anos, contados desde a concesión da axuda e, unha vez adquirida a condición de persoa agricultora profesional, mantela ata que finalice este período de compromisos.

b) Comprometerse a ter contratado, e a manter durante todo o período de compromisos, un seguro agrario pertencente ao Plan de seguros agrarios combinados do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, excepto a liña Seguro de retirada e destrución de animais mortos na explotación.

c) Comprometerse a manter a creación de emprego que incrementou a prima básica, durante o período de compromisos.

d) Comprometerse a manter os elementos materiais que formaron parte do volume de gastos que incrementaron a prima base durante o período de compromisos.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de FEBREIRO de 2023.

  • Facebook
  • Twitter

SUSCRÍBETE A NUESTRA REVISTA COOPERACIÓN GALEGA

Suscripción anual (5 números al año). Edición en papel 18€/año.

    Información sobre protección de datos

    Responsable del tratamiento: UNIÓN DE COOPERATIVAS ASOCIACIÓN GALEGA DE COOPERATIVAS AGRARIAS AGACA, con domicilio social en RÚA TOMIÑO, 22 ENT. , 15703 - SANTIAGO DE COMPOSTELA (A Coruña)
    Finalidad y legitimación: Sus datos serán tratados para la inscripción como suscriptor/a de la revista y las posteriores gestiones.
    Cesiones: No serán cedidos a terceros salvo obligación legal, pudiendo tener acceso a los mismos, de forma incidental, las persnas encargadas de mantener la web en funcionamiento o repartir las revistas.
    Plazo: Los datos serán tratados durante el tiempo necesario para su tratamiento segundo las finalidades descritas, hasta la cancelación por parte de la persona titular de los datos o la pérdida de relevancia de su uso.
    Derechos: Le informamos que puede ejercer sus derechos de acceso, rectificación, cancelación y oposición al tratamiento de sus datos escribiendo a RÚA TOMIÑO, 22 ENT., 15703 - SANTIAGO DE COMPOSTELA (A Coruña) e incluyendo copia de documento acreditativo de su identidad, o dirigiéndose a la siguiente dirección de correo electrónico: derechoslopd@agaca.coop
    Para más información consulte nuestra política de privacidad

    Sí autorizoNo autorizo