- AGACA traballará con Feiraco, Acolact e Cogal, tres agroindustrias que mostraron interese en participar no proxecto europeo SCOOPE, realizando estudos de auditoría enerxética nos procesos de fabricación.

AGACA intégrase nos grupos de traballo do proxecto SCOOPE para axudar ás agroindustrias na adaptación á normativa enerxética europea mediante a extensión de boas prácticas de eficiencia enerxética nas industrias cooperativas. O proxecto iniciouse en maio do 2016, financiado polo programa H-2020 da Unión Europea.
Coordinado por Cooperativas Agroalimentarias de España, os socios do proxecto forman un consorcio de organizacións cooperativas de Francia, Italia, Portugal, Dinamarca e Grecia. Tamén participan como socios tecnolóxicos CIRCE (Centro de Investigación de Recursos e Consumos Enerxéticos, de Zaragoza), a UPM (Universidade Politécnica de Madrid) e ENEA (Axencia Italiana da Innovación e a Enerxía).
O proxecto é continuación do TESLA, no que AGACA estivo traballando. Mentres que no TESLA se fixeron auditorías enerxéticas en fábricas de pensos, muíños de aceite, adegas e centrais hortofrutícolas, o proxecto SCOOPE amplía a actividade os sectores lácteo, cárnico, zumes e secadoiros de cereais.
O proxecto irá a traballar con 81 agroindustrias cooperativas de sete países europeos, co obxectivo de obter aforros de 85 MWh nos consumos anuais de enerxía. Un segundo obxectivo do proxecto, de carácter innovador, é a formación de Grupos colaborativos de cooperativas para a xestión dos consumos enerxéticos.
En España, ademáis de AGACA, tamén participan no proxecto Cooperativas Agro-alimentarias de Aragón, de Andalucía, de Extremadura, de Castilla y León, de Cataluña, de Comunidad Valenciana e de País Vasco.
Visita a COVAP

O pasado día 23 de marzo, un técnico de AGACA participou na sesión práctica do curso de formación, xunto cos técnicos españois e portugueses que levarán a cabo as análises de benchmarking nas cooperativas. Nesta práctica, os técnicos do CIRCE completaron a formación teórica con as explicacións in situ de cómo facer as auditorías e o benchmarking enerxético da cooperativa.
Na parte práctica da formación, realizada nas instalacións de COVAP en Pozoblanco (Córdoba), os técnicos foron informados dos axustes dos procesos de produción para optimizar os tempos de traballo e os consumos enerxéticos asociados, e o xeito de conexión dos analizadores de redes nos cadros eléctricos para facer as medicións reais dos consumos eléctricos da industria.
Máis información sobre o proxecto: http://scoope.eu




