- Medio centenar de estudantes do CEIP Portofaro (Cambre) participou na actividade “Almorz@ con Beizos Brancos”, que aconsella sobre almorzos saudables con produtos galegos e mostra o proceso de transformación do leite
- AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa” organizan a iniciativa, que comezou o curso pasado e leva repartido xa máis dun milleiro de almorzos sans en Galicia.
Cincuenta nenos e nenas do segundo ciclo de primaria do CEIP Portofaro (Cambre) aprendeu esta mañá diferentes opcións para comezar a xornada cunha correcta achega enerxética e con alimentos saudables, naturais e procedentes maioritariamente do mercado nacional, fronte aos almorzos pouco variados ou baseados en produtos procesados industrialmente.
Para aprender as propiedades de distintos alimentos, o alumnado propuxo varios menús que foron valorados pola nutricionista María Fernández, que impartiu a charla formativa. Os produtos lácteos, o consumo de zumes naturais como complemento pero non como substitutivo das froitas de tempada (pois a froita enteira achega máis enerxía e nutrientes que a espremida), e mesmo o aguacate no canto de manteiga para as torradas foron algunhas das suxestións.
A modo de exemplo, degustaron un almorzo san e completo, formado por leite enteiro con cacao puro e mel, torradas de pan galego con aceite e froita.
Ademais, un xogo en grupo amosou aos estudantes todos os pasos do proceso de transformación do leite, dende a granxa ata os fogares, para dar visibilidade e pór en valor os empregos e a riqueza produtiva vencellados ao sector agroalimentario galego.
Compromiso social
AGACA e Obra Social “la Caixa” poñen en marcha este programa para impulsar correcta alimentación dos nenos e nenas de Galicia e fomentar nos fogares hábitos alimentarios saudables, ademais de pór en valor os produtos do agro galego.




